Publicacións

Mostrando publicacións desta data: Outubro, 2023

S. Pedro de Labrada

Imaxe
A parroquia de S. Pedro de Labrada , no concello de Abadín , coma outras terras do bispado mindoniense, vencéllase á chegada dos bretóns nos séculos V e VI coma data a sinatura do bispo británico Mailoc no II Concilio de Braga no 572. A igrexa de S. Pedro de Labrada , que dá nome á parroquia, está na aldea de Barral e data de finais do s. XII, cando o bispo de Mondoñedo fundou a parroquia, pero, coma en tantas igrexas galegas, conserva poucos elementos románicos. Os muros laterais mostran as partes máis antigas desta igrexa. O que si chama poderosamente a atención é o adro, espacioso e coidado, que permite observala a distancia dende todos os ángulos. Noutros casos, moi abundantes por desgracia, atopamos xoias arquitectónicas totalmente ocultas ou constreñidas por cemiterios construidos arredor das igrexas, que impiden practicamente apreciar a beleza dos edificios.

Miradoiro de Campelas de Auga

Imaxe
O miradoiro de Campelas de Auga ou de Ambosores , no concello de Muras , é un deses miradoiros impresionantes que temos na nosa terra. A unha altitude de máis de 600m ofrece unhas vistas espectaculares que non deixan a ninguén indiferente. As Terras Altas do norte de Galicia son unha fermosura! Paraísos.

Outubro na Xunqueira

Imaxe
A Xunqueira de Ares , ese pequeno humidal que temos no noso concello, é un tesouro natural que disfrutamos e debemos coidar. Agora, en outubro, coas árbores espíndose de follas e alfombrando as pasarelas, as cores de tonalidades cálidas que falan de outono, está ben fermosa. Dar un paseo por ela, sentarse nun dos seus bancos a observar e escoitar, facer un boceto ou ler, charlar ou facer fotos,... Paraísos a carón da casa!

Praia de Caolín

Imaxe
A praia de Caolín está no concello de O Vicedo , na ría do Barqueiro , xa na provincia de Lugo . Esta fermosa e famosa cala debe o seu nome a un antigo lavadoiro de caolín que había nela e do que aínda se conservan restos do edificio. A beleza das súas augas, area e entorno, convértena nun lugar paradisíaco. Paraísos de Galicia norte!

Faro de Punta Roncadoira

Imaxe
O faro de Punta Roncadoira está na parroquia de Portocelo , no concello lugués de Xove . Comezou a funcionar no ano 1986 e serve de enlace entre o faro de S. Cibrao e o de Estaca de Bares , sinalando a entrada da ría de Viveiro . A unha altura de 94m. sobre o nivel do mar, é un observatorio de aves marinas magnífico ademais de ofrecer unhas vistas espectaculares da costa e do mar Cantábrico . A pouca distancia está o monte Castelo , curioso parque pétreo que cos seus 132m de altitude vainos ofrecer unha completa perspectiva desta zona da Mariña luguesa dende os dous miradoiros que ten no cume: o de Oriente e o de Poñente. Paraísos do norte de Galicia.

Na ría de Ares

Imaxe
A ría de Ares é magnífica para a navegación e por iso sempre se poden ver numerosas e variadas embarcacións surcando as súas augas. Moitos afeccionados á pesca, á navegación ou a outros deportes náuticos adoitan disfrutala en calquera época do ano. Dende Pontedeume ata Punta Coitelada , e máis alá, unha fermosa costa con pobos mariñeiros de película, fermosas praias, calas paradisíacas e cantís namoraranos á primeira ollada. Unha ría para disfrutar!