Publicacións

Mostrando publicacións coa etiqueta Camiño de Salgueiras

Adeus verán!

Imaxe
Nestes días de finais do verán, as lagarteiras deixan unhas mareas vivas impresionantes en toda a costa. Os bañistas aproveitan o bo tempo destes días de setembro e seguen disfrutando das praias, coma nesta de Chanteiro . Na nosa camiñata habitual pola costa norte de Ares parece apreciarse unha nova luz e un aroma que fala de outono. No pequeno descanso no merendeiro de Xunconovo , é raro non ver movemento de embarcacións, entrando ou saíndo da ría de Ferrol . Outono no aire!

Chanteiro en setembro

Imaxe
O paseo de onte á tarde é un dos que máis repetimos, porque é espectacular. Comezamos no aparcadoiro da praia de Chanteiro , e camiñamos ata o merendeiro de Xunconovo , onde demos volta. Esta camiñata pola costa norte de Ares é doada e coas vistas que nos ofrece resulta moi grata. A praia de Chanteiro , unha marabilla coma sempre, convidaba a quedar nela. O camiño de Salgueiras , perfecto miradoiro para apreciar a entrada na ría de Ferrol e o Golfo Ártabro ofrecíanos as imaxes dunha regata de veleiros. No paseo sempre hai algo que chama a atención: un veleiro entrando na ría, un pescador na ribeira, os cambios que producen na paisaxe as estacións,... E logo duns minutos de descanso no deteriorado merendeiro de Xunconovo , volta. Comentar que no camiño de Salgueiras "desapareceron" 7 bancos e 7 papeleiras. Mágoa!

Un regalo para os sentidos

Imaxe
Esta camiñata, dende o aparcadoiro da praia de Chanteiro , polo camiño de Salgueiras , a punta de O Segaño , e seguindo pola senda costeira da entrada da ría de Ferrol ata o castelo de A Palma , é un regalo para os sentidos. A costa das dúas marxes da ría é espectacular, coas baterías costeiras, os castelos, as abundantes calas de augas turquesas. Estas pequenas calas son toda unha tentación, pero o acceso ás mesmas está practicamente imposible, o que é unha mágoa. Por exemplo a cala do Bonete do Cura é ben fermosa, e merece ter a baixada limpa. O merendeiro de Xunco Novo e a pequena fervenza do Cabalo , pola contra, vense coidados. Ao longo da senda sempre encontramos máis camiñantes ou ciclistas que, coma nós, disfrutan desta marabilla! Paraísos ao lado da casa!

O paraíso!

Imaxe
Cando un vive no paraíso non hai nada que engadir. ( Praia Pequena de Chanteiro ).

A Praia Pequena en xaneiro

Imaxe
Cunha sucesión de borrascas afectando a todo o país, e a borrasca Juan traendo moita chuvia e neve, estas imaxes do paseo do serán de onte atestiguan que non é preciso buscar destinos paradisíacos noutros lugares afastados. O paraíso está aquí, na casa. Despois do paseo ata O Segaño polo camiño de Salgueiras , baixar ata a cala da Praia Pequena de Chanteiro coa marea baixa é o colofón desta tarde de xaneiro. O mar acariciando a area, o sol xogando coas nubes e quentando o ambiente, as rochas do cantil figurando esculturas pétreas, a ausencia de ruidos, un pescador alá ao lonxe,...PAZ! Ares é un paraíso!

De Salgueiras ao Segaño

Imaxe
Buscando o solpor, fomos ata a praia de Chanteiro , polo paseo do camiño de Salgueiras ata o Segaño . O noso concello ten moitos lugares para disfrutar de fermosos solpores e este é un deles. Nesta época do ano a praia xa está en sombra, pero a banda de Salgueiras recibe os últimos raios e o paseo resulta moi agradable. Hai varios bancos ao longo del para pararse a disfrutar da paisaxe co son do mar batendo na costa. O solpor de hoxe non foi dos mellores, pero resulta unha delicia de todos modos. Paraísos ao lado da casa!

Camiño de Salgueiras

Imaxe
Onte pola tarde, aproveitando esta mellora no tempo que parece que se vai prolongar por uns días, fomos ata a praia de Chanteiro para dar un paseo polo camiño de Salgueiras . Con bo tempo é unha marabilla e con mal tempo tamén. Con boa visibilidade, a panorámica do Golfo Ártabro é impresionante. A costa perfílase ata as illas Sisargas ! Aínda está en obras a senda peonil, pero pódese pasar. Ao chegar á Batería do Segaño , subimos ata a Batería de Salgueiras e logo ata o cruceiro de Chanteiro para baixar ata a praia. Estupendo paseo de outono. Vivimos no paraíso!