Publicacións

Mostrando publicacións coa etiqueta Arquitectura tradicional

Recunchos

Imaxe
No apaixoante percorrido polo norte de Galicia atopamos recunchos de enorme beleza, que ás veces quedan sen publicar gardados nas carpetas das viaxes, merecedores dunha entrada propia por tratarse de pequenas xoias. Ás veces son casas, restauradas ou non, outras simples ruinas nas que buscar detalles das construcións tradicionais. Pode ser unha vella figueira nunha horta abandoada ou unha egua co seu poldro á beira do camiño. Poden ser uns hórreos, uns muiños, unha aldeíña... En calquera recuncho da nosa terra atopamos tesouros!

Cetáreas de Sarridal

Imaxe
As Cetáreas do Sarridal en Cedeira , son un exemplo magnífico da recuperación dun espazo de gran valor etnográfico e paisaxístico. Son mudas testemuñas da importancia da pesca e o marisqueo na ría de Cedeira . Eran os viveiros nos que se gardaban e engordaban as capturas de marisco, sobre todo langosta, para a súa posterior venta. Dende o aparcadoiro do Castelo da Concepción vaise ata a cala de Sonreiras e un sendeiro nas pedras condúcenos ata elas. Alí atoparemos paneis informativos que explican a importancia das mesmas. Moi recomendable!

No Sesín

Imaxe
Onte, 22 de marzo, Día Mundial da Auga , demos un pequeno paseo polo Parque Etnográfico do río Sesín , na Capela . Fomos por Soaserra para fotografar o carballo centenario que hai no lugar de Os Duráns, agora que está espido e mostra o seu porte despexado de follas. O Parque Etnográfico do Sesín, coma xa indicamos noutra entrada, é unha senda de menos de 1km. que discorre a carón do río Sesín ou da Mazoca. É un eco-museo, no que a paisaxe, os elementos constructivos, as actividades tradicionais, etc. nos permiten coñecer un rico patrimonio eco-etnográfico que debemos preservar. O río neste tramo inicia a baixada impetuosa entre pozas e pequenas fervanzas buscando ao Eume . A fraga espida amosa os primeiros signos do renacer que trae a primavera. Con este baño de bosque un volta á casa coma novo. Paraísos!

Muiño de Ferreñas

Imaxe
No concello de Vilarmaior, á beira do río Baxoi, atopamos este muiño recuperado xunto cun lavadoiro. Rodeados dunha fermosa área de recreo con merendeiro, barbacoa, pequeno parque infantil, aparcadoiro e sendas para camiñar, resulta ideal para pasar unhas horas no lugar. Construído a finais do XVIII muiñou continuamente ata o 1975. Pertencía a 16 casas e tiñan os turnos ou roldos para moer. Moía fundamentalmente millo e centeo, o trigo en menor medida. Os muiños son un dos elementos máis abundantes na arquitectura popular de Galicia. Atendendo á súa propiedade poden ser de aparcería, construídos e utilizados por un grupo de persoas con dereitos e deberes de mantemento, e os de maquía cando o servicio facíase a cambio dunha parte da muiñada. Merece a pena unha visita en calquera época do ano, pero nun día caloroso de verán é un paraíso.

Parque Etnográfico do río Sesín

Imaxe
É un ecomuseo integrado na ruta " máis aló dos eidos" que nos permite achegarnos e coñecer o rico patrimonio eco-etnográfico do concello da Capela: paisaxes, elementos construtivos, actividades tradicionais,... Xunto coa Casa do Pazo, e a Escola de Guitriz conforman o Museo Etnográfico da Capela que dende o ano 2001 nos mostran como os habitantes da bisbarra aproveitaron dun xeito racional os recursos que o medio lles ofrecía. A senda nos leva á beira do Sesín baixo unha mesta fraga e grandes rochas, achegándonos a traballos tradicionais con abundante cartelería explicativa: as curripas das castañas, os carboeiros, os muiños, o mel,... Un paseo moi interesante que nos permite unha viaxe no tempo de décadas atrás. Pura maxia!