Publicacións

Mostrando publicacións coa etiqueta Muiño do Redondo

Outono no Muiño do Redondo

Imaxe
Os castiñeiros que protexen o muiño do Redondo , en Magalofes , xa ceibaron case todas as súas follas convertendo o chan nunha fermosa e mesta alfombra que amortigua os nosos pasos e nutre o chan. Fermosura de lugar para disfrutar da beleza que nos ofrece a Natureza, cos cambios de estacións, no pequeno souto a carón do muiño. Mirando as augas do pequeno regato lembro os versos de Manuel María: O muiño roula, roula. O muiño é roulador: ¡Volta as augas do regato en marmurio cantador! O muiño roula, roula, roula e non deixa de roular. ¡E coas augas do regato o rodicio fai cantar! (...) Que non nos rouben o outono! Hai que aproveitalo!

Muiño do Redondo

Imaxe
Na parroquia de Magalofes , no concello de Fene , atópase este pequeno muiño do Redondo a carón dun pequeno souto que marca o paso das estacións coa súa beleza. A configuración hidrográfica deste concello propiciou que no s.XVIII funcionasen máis de 50 muiños na contorna. Este é un dos mellores exemplos destes pequenos muiños; restaurado entre 1996 e 1998, está en bo estado e o seu entorno natural ofrécenos unha mostra de especies autóctonas interesantes: castiñeiros, biouteiros, queiroga, árbores de ribeira, etc. Agora, a comezo da primavera, os castiñeiros aínda sen follas, mostran todo o seu porte e convidan a visitalos no verán ou no outono, cando deben estar soberbios en todo o seu esplendor.