Publicacións

Mostrando publicacións coa etiqueta A Redonda

Faro-Baliza do Castelo da Palma

Imaxe
O faro-baliza do Castelo da Palma, a poucos metros deste castelo de Mugardos do que leva o nome, foi construido no ano 1862 para avisar da perigosidade do baixo mariño desta zona. Trátase dun faro de quinto orde e ten un alcance de 7 millas náuticas de luz. A súa situación, á beira e case á altura do mar na estreita entrada da ría de Ferrol, resulta moi atractiva; semella que estás na cuberta dunha embarcación dende a que divisas S.Felipe, Mugardos, Ferrol, barcos e veleiros navegando na ría,... O acceso é doado e ten un entorno moi tranquilo e agradable para pasar un bo rato contemplando o mar. Moi preto da baliza, no mesmo lugar de A Redonda, moitos máis recunchos para disfrutar. Paraísos da costa de Bezoucos!

Recunchos de Mugardos

Imaxe
No veciño concello de Mugardos atopamos tan fermosos recunchos, que a lista sería moi longa. Poderiamos comezar observando a enseada do Baño e parte do concello dende Montefaro (A estrada que sube ao monte está nun estado pésimo de conservación, pero as vistas merecen a pena). Dende o lugar de A Redonda , San Felipe , ao outro lado da entrada da ría de Ferrol , chama a atención pola súa beleza. Está tan preto que poderiamos comezar unha conversa con alguén do outro lado. A Baliza do Castelo da Palma, é outro recuncho que hai que visitar; a carón do mar, a sensación é a de estar nunha embarcación no medio da ría: escoitar o chío das gaivotas, o bater do mar contra a pedra, o motor dalgunha embarcación,... E seguimos na pescuda de máis lugares por estradas menos coñecidas que parecen levarnos a lugares pouco frecuentados. Chegamos ata o parque de Roibeiras ; posiblemente o máis fermoso parque de Mugardos, nun entorno natural que convida a pasar moitos momentos de relax nel....

Na Redonda

Imaxe
A xente que vive na Redonda ( lugar do concello de Mugardos ) está afeita a ver entrar e saír da ría de Ferrol todo tipo de embarcacións: buques da armada, mercantes, gaseiros, cruceiros, veleiros grandes e pequenos, barcos de pesca,... ; pero para os que estamos de paso neste fermoso lugar, ver a entrada dun gran mercante guiado polos remolcadores resulta sorprendente. Hai que parar un rato e observar a maniobra!

A Redonda- Mugardos

Imaxe
Na apacible tarde do día 1 de decembro un paseo pola costa de Bezoucos foi moi boa idea. Achegámonos ata o castelo da Palma en Mugardos , que xunto ao de S. Felipe da outra banda, garda da entrada da ría de Ferrol , e que vai esmorecendo ano tras ano, sen que se lle poña remedio. O mar era pura tranquilidade e calma. Peniscaba un pouco e todo no ambiente convidaba á calma e á tranquilidade. Baixamos ata o peirao da Redonda e a beleza do entorno segue impactando coma se fose a primeira vez que se observa: O Baño, a praia da Bestarruza, a vila de Mugardos, Ferrol, A graña, S Felipe. Para rematar o paseo fomos ata Punta Avarenta en Ares, onde o mar aberto do Golfo Ártabro, xa tiña outra apariencia ben distinta ao mar da ría de Ferrol. Paraísos que nos rodean!