Publicacións

Mostrando publicacións coa etiqueta Costa da Morte

Caión e Barrañán

Imaxe
Os paseos nos solleiros días de finais de inverno lévannos tanto á montaña coma á costa. No norte de Galicia temos tantas marabillas que é imposible escoller. Desta volta, achegámonos á fermosa vila de Caión , na Costa da Morte , para dar un paseo polas súas rúas e admirar unha vez máis as impresionantes vistas do entorno. Nas proximidades, a praia de Barrañán convidaba a dar un paseo polo seu areal. Paraísos do norte de Galicia!

Queremos as nosas praias limpas!

Imaxe
  Estes días nos que unha marea de "pellets" de plástico contaminan as nosas praias, nos que a mentira intenta tapar as responsabilidades, nos que os voluntarios voltan a ser un exemplo, nos que a tristura de ver que nada aprendimos cubre o noso ánimo,... Temos que berrar ben alto que este tesouro de costa que temos hai que coidalo e preservalo, que esiximos responsabilidades, que a lexislación do tráfico de mercadurías contaminantes debe cambiarse, que non queremos máis mentiras, que... BASTA XA! Queremos as nosa praias limpas!

Arou

Imaxe
Agora que estamos nos días máis curtos do ano, con alerta por choiva, e no medio das festas de Nadal, apetece unha escapadiña, aínda que so sexa recordando. Arou é unha pequena vila do concello de Camariñas, na que a Costa da Morte móstranos toda a sua beleza: o mar, as praias, as vilas mariñeiras, os montes, as xentes,... Dende que pasei dous anos neste concello, por motivos laborais, sinto a necesidade de facer unha escapada anual a esta costa, polo menos! Sobra calquera palabra ante tanta beleza! Bálsamo para os sentidos.

Cabana de Bergantiños, Corme e Laxe.

Imaxe
A estas alturas de decembro, nos días máis curtos do ano, a falta de luz, o frío, a choiva,..., pode baixarnos o ánimo. Para combatir esto, recurro con frecuencia aos recordos e ás imaxes de momentos do verán. Por exemplo, esta escapadiña á Costa da Morte, polas terras de Cabana de Bergantiños, Corme e Laxe. Empezamos en Corme para achegarnos ata o Roncudo. Seguimos por Cabana de Bergantiños ata Laxe .Pasamos pola praia dos cristais e imos ata o seu faro. Logo continuamos para rematar na paradisíaca praia de Soesto. O coche, algo de comer nas mochilas e pouco máis para disfrutar desta viaxe e mergullarnos na beleza desta costa. "Galicia é o que vemos; a terra, o mar, o vento... Pero hai outra Galicia que vai no sentimento!" Os versos de Manuel María que nos falan dese sentir a Terra, desa comunión coa paisaxe, a xente,... Bos recordos para un día gris que xa non o é tanto.

Barizo

Imaxe
Esta parroquia do concello de Malpica de Bergantiños é outro espectacular recuncho da Costa da Morte. Mirando ás illas Sisargas e co Atlántico de frente veñen á cabeza os versos de "Deitado frente ao mar" de Celso Emilio. " e ser, co rostro erguido, mariñeiros, labregos do lingoaxe, remo i arado, proa e rella sempre." No porto de Loureiros, onde os mariñeiros e percebeiros das Sisargas gardan as embarcacións, nos camiños e estradas deste fermoso lugar, mirando a ese mar, o eco do poema me acompaña. Lugares máxicos para descubrir!

Praia de Nemiña

Imaxe
Nestes días chuviosos e grises apetece recordar unha escapada de verán. A praia de Nemiña, no concello de Muxía, está ao sur do cabo Touriñan. É un areal que se extende dende Nemiña ata a praia de Lires e que se atopa no chamado Camiño dos Faros. É unha praia paradisíaca, casi salvaxe e nada masificada, moi atractiva para os amantes de entornos virxes. No verán podemos ver bastante xente practicando surf e bodyboard, xa que hai escolas para aprender estes deportes.

Punta Nariga

Imaxe
En Malpica de Bergantiños, no lugar de Barizo está Punta Nariga. A finais do século pasado, o escultor César Portela deseñou este referente de integración da arquitectura na paisaxe, o faro máis novo de Galicia. Esta fermosura de faro semella un barco que navega no Atlántico e na proa, a modo de mascarón, a fermosa escultura de bronce Atlante, hoxe desaparecida, obra de Manolo Coia. O faro está ubicado no que podería ser un parque pétreo con curiosas formas zoomorfas que o complementan formando unha paraxe espectacular. Ao seu carón discorre a chamada Ruta dos Faros. Paraísos para visitar.

San Xiao de Moraime

Imaxe
A igrexa románica de S. Xiao é un templo do s.XII que formaba parte dun antigo mosteiro benedictino, hoxe desaparecido. A igrexa ten planta basilical de tres naves e tres ábsides. A nave central, máis alta, está dividida en cinco tramos con arcos de medio punto; as laterais teñen os arcos apuntados. Na nave lateral sur, pola que estaba adosada ao mosteiro, hai unha porta de gran valor arquitectónico, descuberta hai unhas décadas. O pórtico da fachada principal coas súas figuras recórdanos ao Pórtico da Groria. A carón da igrexa está a antiga reitoral do s.XVIII, hoxe convertida en hostel. A Costa da Morte sempre merece unha escapadiña.

Caión

Imaxe
Unha escapadiña a Caión semppre é unha boa idea. Esta parroquia do concello da Laracha é a súa saída ao mar. A vila está situada nunha pequena península bañada polo Atlántico na coñecida como Costa da Morte. Recorrendo o paseo marítimo, ou a praza da vila na que están o pazo dos condes de Graxal, a igrexa do Socorro e o antigo convento de S. Agustín, percibiremos o latexar do pobo. O porto, antigamente porto baleeiro, e as súas praias, tamén son de obrigada visita. Con día solleiro é un paraíso; con temporal do Atlántico imaxino que será como estar nunha embarcación no medio do océano.