Publicacións

Mostrando publicacións coa etiqueta Guitiriz

Lugar máxico

Imaxe
Estas dúas palabras describen moi ben a sensación que temos ao chegar a este lugar. A capela de S. Alberte de Guitiriz , a carón do camiño de Santiago e do río Parga , xunto coa carballeira que a rodea déixannos sen palabras pola súa fermosura. Esta igrexa-capela gótica (XIII-XIV), conserva do primitivo estilo no exterior, a ventá oxival con tracerías salomónicas, unha porta lateral, os caneciños e os oito grandes contrafortes. A fachada moi sinxela é do XVIII e está coroada por unha sinxela espadana. A fonte da Fala ou de S. Alberte é renacentista e o fermoso cruceiro é de finais do século pasado. A uns metros pasa a Ruta da Auga e o Sendeiro dos Bidueiros . A fermosa ponte medieval de S. Alberte cruza o río Parga e permite o acceso dende a Nacional VI. No mes de maio celébrase a romaría do santo.

Sta. María de Labrada

Imaxe
A igrexa de Sta. María de Labrada , en Guitiriz , pode pasar case desapercibida por estar medio escondida no seu entorno. É unha igrexa rural de orixe románica, reconstruída entre finais do XVII e principios do XVIII, que garda un tesouro no seu interior: uns frescos góticos de finais do XV- principios do XVI que se descubriron nos anos 90. Esta igrexa é o unico que se conserva do antigo mosteiro medieval coñecido coma A Granxa. Según un documento do s.XII, Fernando II de León, donaba A Granxa de Labrada ao mosteiro de Monfero. No muro Sur consérvase a porta primitiva. A carón das escaleiras que baixan ao adro, hai dous fermosos cruceiros. Ante a sinxela beleza da igrexa, chama a atención o cemiterio neo-gótico , cos fermosos pináculos labrados en pedra polos canteiros da Terra Cha.