Publicacións

Mostrando publicacións coa etiqueta Mugardos

Faro-Baliza do Castelo da Palma

Imaxe
O faro-baliza do Castelo da Palma, a poucos metros deste castelo de Mugardos do que leva o nome, foi construido no ano 1862 para avisar da perigosidade do baixo mariño desta zona. Trátase dun faro de quinto orde e ten un alcance de 7 millas náuticas de luz. A súa situación, á beira e case á altura do mar na estreita entrada da ría de Ferrol, resulta moi atractiva; semella que estás na cuberta dunha embarcación dende a que divisas S.Felipe, Mugardos, Ferrol, barcos e veleiros navegando na ría,... O acceso é doado e ten un entorno moi tranquilo e agradable para pasar un bo rato contemplando o mar. Moi preto da baliza, no mesmo lugar de A Redonda, moitos máis recunchos para disfrutar. Paraísos da costa de Bezoucos!

Recunchos de Mugardos

Imaxe
No veciño concello de Mugardos atopamos tan fermosos recunchos, que a lista sería moi longa. Poderiamos comezar observando a enseada do Baño e parte do concello dende Montefaro (A estrada que sube ao monte está nun estado pésimo de conservación, pero as vistas merecen a pena). Dende o lugar de A Redonda , San Felipe , ao outro lado da entrada da ría de Ferrol , chama a atención pola súa beleza. Está tan preto que poderiamos comezar unha conversa con alguén do outro lado. A Baliza do Castelo da Palma, é outro recuncho que hai que visitar; a carón do mar, a sensación é a de estar nunha embarcación no medio da ría: escoitar o chío das gaivotas, o bater do mar contra a pedra, o motor dalgunha embarcación,... E seguimos na pescuda de máis lugares por estradas menos coñecidas que parecen levarnos a lugares pouco frecuentados. Chegamos ata o parque de Roibeiras ; posiblemente o máis fermoso parque de Mugardos, nun entorno natural que convida a pasar moitos momentos de relax nel....

Na Redonda

Imaxe
A xente que vive na Redonda ( lugar do concello de Mugardos ) está afeita a ver entrar e saír da ría de Ferrol todo tipo de embarcacións: buques da armada, mercantes, gaseiros, cruceiros, veleiros grandes e pequenos, barcos de pesca,... ; pero para os que estamos de paso neste fermoso lugar, ver a entrada dun gran mercante guiado polos remolcadores resulta sorprendente. Hai que parar un rato e observar a maniobra!

Paseos pola contorna

Imaxe
Seguindo coas andainas, neste mes de abril atípico no meteorolóxico, onte fixemos unha das rutas de proximidade que máis nos gustan ( Alto da Pena - A Xunqueira - Pedrós - A Areosa e volta). Despois de atravesar A Xunqueira seguimos a estrada que leva a Pedrós . Uns centos de metros máis adiante seguimos polo camiño que hai a carón das pistas deportivas. Este camiño nos levará ata A Areosa , xa no concello de Mugardos ; cando empece o asfalto saberemos que deixamos Ares e entramos en Mugardos . Fermoso paseo!

Vellos camiños

Imaxe
Eses camiños vellos, profundas congostras entre cómaros e valados, carreiros cubertos de vexetación que parecen túneles,...son unha tentación para os camiñantes. Dende o Alto de Simou ata a Queira , seguindo os límites entre os concellos de Ares e Mugardos , hai un deses camiños encantados que nos fala de tempos pasados. Unha mesta vexetación, con árbores vellos en casi todo o percorrido, semella unha selva chea de vida na que hai unha gran riqueza de flora e fauna. Ao chegar á Queira demos volta, pero poderiamos seguir polo gran laberinto de vellos camiños que hai ao pé de Montefaro. Para perderse! A península de Bezoucos está chea de sorpresas para descubrir.