Publicacións

Mostrando publicacións coa etiqueta Montes e vales

Cova da Serpe

Imaxe
A cova da Serpe , situada na serra á que dá nome, na confluencia dos concellos de Guitiriz , Friol e Sobrado é unha curiosa caverna moi preto do monte máis alto da serra. É doado chegar ata ela porque a atopamos sinalada en Google. As vistas dende o pequeno miradoiro situado ao seu carón son espectaculares, a un lado a provincia de Lugo e ao outro A Coruña . Cun nome tan suxerente non podían faltar lendas relacionadas coa cova: as dúas máis coñecidas teñen a unha xigantesca serpe de protagonista, e na outra, dous namorados da bisbarra ocupan este papel. (Ambas lendas poden atoparse facilmente na rede).

Polos montes de Ourol

Imaxe
Ourol é un dos concellos que visitamos frecuentemente cando buscamos montes e alturas dende os que otear amplos horizontes nos que sorprenden pequenos rueiros espallados entre montañas e vales. Desta volta, achegámonos ata a parroquia de Xerdiz , cun igrexario no que parece que o tempo parou! A gran igrexa rodeada do camposanto habaneiro, a vella casa reitoral, o fermoso cruceiro, o campo da festa,.., todo fala doutro tempo pasado, rodeados de silencio...

Montaña, por favor!

Imaxe
Cando sentimos a necesidade da montaña, dos cumes solitarios, dos paraños, dos profundos vales sucados por ríos ou regatos, do frío aire batendo no corpo, do silencio (roto as máis das veces polos aeroxeneradores),...collemos a vía rápida ata As Pontes ou Muras, Ourol ou xa directamente ata O Xistral, e despois, por estradas secundarias ou simples pistas, "perdémonos" entre montes e vales. Sempre hai algo sorprendente que chame a atención e nos faga parar ao seu carón. Pode ser un mirador dende o que otear uns horizontes grandiosos, salpicados de pequenos rueiros vellos e posiblemente abandonados. Pode ser unha serie de cruces de pedra espalladas polos camiños que nos falan de vellas tradicións ou supersticións. Un patrimonio humilde pero importante e fermoso, que moitas veces mostra abandono. Pode ser unha das moitas marabillas que temos na nosa terra!

Cores de outono

Imaxe
Achegarnos ata a montaña en Muras para ver como o outono vai cubrindo coas súas cores a paisaxe é unha gozada. A fermosa tarde de onte permitiunos disfrutar dos montes e vales, cubertos do manto outonal, que vai atravesando o Eume no seu recorrido por estas terras. As marabillas da Natureza que enchen a alma!

Voitre na Coriscada

Imaxe
Cando buscamos montaña un dos concellos que adoitamos frecuentar é o de Muras . Desta volta baixando pola estrada que vén do Freixo (As Pontes) e subindo ata o monte da Coriscada . Os pequenos rueiros que salpican todos estes montes e vales, falan dunha vida moi afastada do mundanal ruido. Neste día de agosto, a néboa pouco a pouco ía cubrindo os cumes dos montes. E de súpeto, un voitre solitario chama a nosa atención. Agasallos da natureza que con frecuencia nos sorprenden!

Miradoiro de Pena Fexa

Imaxe
O monte de Pena Fexa en Monfero , cos seus 709m é un dos montes máis altos da provincia de A Coruña . Dende o seu miradoiro podemos ver unha extensión de territorio moi grande: a Serra da Loba , o Serrón do Lobo , o Cordal de Montouto , o val de Xestoso ,.... Está moi preto doutros dous miradoiros: o Pico de Vales e o da Carbueira que permite facer a ruta dos tres miradoiros nun día de boa visibilidade para disfrutar das vistas. Ben preto, no monte Pena da Uz (705m), no lugar de Sta Xiá nace o río Lambre .