Publicacións

Mostrando publicacións desta data: Novembro, 2022

Barizo

Imaxe
Esta parroquia do concello de Malpica de Bergantiños é outro espectacular recuncho da Costa da Morte. Mirando ás illas Sisargas e co Atlántico de frente veñen á cabeza os versos de "Deitado frente ao mar" de Celso Emilio. " e ser, co rostro erguido, mariñeiros, labregos do lingoaxe, remo i arado, proa e rella sempre." No porto de Loureiros, onde os mariñeiros e percebeiros das Sisargas gardan as embarcacións, nos camiños e estradas deste fermoso lugar, mirando a ese mar, o eco do poema me acompaña. Lugares máxicos para descubrir!

Encoro do Eume

Imaxe
Este é o encoro máis grande, dos dous que ten o Eume, aproveitando o estreitamento do profundo canón polo que pasa o río no corazón das Fragas. Foi construido entre o 1955 e 1960. Hai anos, baixar pola estrada que leva ata el, era moi frecuente e adoitaba ser cita turística. Na actualidade está o paso cortado, e a estrada en estado de abandono. Na desviación que leva ata a canteira, da que se sacou material para a súa construción, atoparemos lugares magníficos para observar tanto o canón coas súas impresionantes paredes, coma o mesmo encoro. Incluso poderemos sorprendernos con integrantes do Club Montaña Ferrol practicando escalada nas paredes da canteira, ou coas cabras montesas camiñando polas paredes do canón, mesmo unha pequena fervenza en época de chuvias nas paredes da canteira,... Nesta parte das Fragas hai varias rutas impresionantes para seguir. Paraísos!

Muiño de vento de Boucelo

Imaxe
Galicia foi tamén terra de muiños de vento; chegou a haber arredor de 120, mais na Mariña foron escasos. No alto do concello de Miño, na parroquia de Bemantes, está o muiño de vento de Boucelo. Este muiño foi construido no 1840 e so funcionou unhas décadas, quedando abandonado ata a súa recuperación. Normalmente estes muiños eran dun so dono que tiña o dereito de "maquia" por moer. Según recolle Begoña Bas, en Ares tivemos dous muiños de vento; un no castro do Alto da Pena e outro no lugar do Muiño de Vento preto da Seaña. Non queda nada de ningún deles. Restos dos muros do que estaba no Castro aprécianse nalgunha foto antiga, e recordos do que contaban os avós, pero máis nada. Unha mágoa! ( Boucelo:bouza ou monte pequeno)

Praia de Nemiña

Imaxe
Nestes días chuviosos e grises apetece recordar unha escapada de verán. A praia de Nemiña, no concello de Muxía, está ao sur do cabo Touriñan. É un areal que se extende dende Nemiña ata a praia de Lires e que se atopa no chamado Camiño dos Faros. É unha praia paradisíaca, casi salvaxe e nada masificada, moi atractiva para os amantes de entornos virxes. No verán podemos ver bastante xente practicando surf e bodyboard, xa que hai escolas para aprender estes deportes.

Pico de Vales

Imaxe
O miradoiro do Pico de Vales está situado no monte Raño nas estribacións da Serra da Loba. É a cota máis alta do concello de Irixoa, pero tamén está moi preto de Monfero e Aranga. De feito no concello de Monfero teñen a ruta do Mirador de Pico de Vales. Con boa visibilidade as vistas son espectaculares. Boa escapadiña.

Relax

Imaxe
As novas tecnoloxías están cada vez máis presentes nas nosas vidas, convertíndose nunha necesidade incluso para os máis pequenos e podendo chegar a ser unha adicción, e polo tanto unha ameaza para a saúde tanto física coma mental. Ante o risco desta dependencia tecnolóxica hai que facer actividades de desconexión dixital para protexer a nosa saúde. Unha destas actividades pode ser un paseo pola praia. O mar axuda a baixar ou eliminar o estrés. Mellora a nosa saúde mental e emocional. O son das ondas, o chío das aves, ás veces o silencio total, o alivio visual ao observar a ribeira, ou contemplar o solpor, ... son experiencias fundamentais para a nosa saúde e polo tanto é preciso ser capaz de aprecialas e debemos compartilas cos máis pequenos da familia, para que aprendan a aprecialas e disfrutalas. Hai que deixarse envolver pola beleza da natureza que nos rodea e disfrutar.

Praia de Picón

Imaxe
Situada en Ortigueira, ao pé dos cantís de Loiba, é unha praia ventosa, con forte oleaxe e resaca, que coa pleamar queda practicamente cuberta. Para baixar ata ela hai unhas escaleiras de madeira, dende as que iremos apreciando distintas vistas da praia. Esta praia está na chamada Ruta das Algas, moi preto do Banco de Loiba e da praia de Esteiro. Para os amantes das praias virxes un paraíso e para os demais tamén un lugar que hai que visitar. Unha escapadiña a Ortigueira e arredores sempre é unha boa idea.

Punta Nariga

Imaxe
En Malpica de Bergantiños, no lugar de Barizo está Punta Nariga. A finais do século pasado, o escultor César Portela deseñou este referente de integración da arquitectura na paisaxe, o faro máis novo de Galicia. Esta fermosura de faro semella un barco que navega no Atlántico e na proa, a modo de mascarón, a fermosa escultura de bronce Atlante, hoxe desaparecida, obra de Manolo Coia. O faro está ubicado no que podería ser un parque pétreo con curiosas formas zoomorfas que o complementan formando unha paraxe espectacular. Ao seu carón discorre a chamada Ruta dos Faros. Paraísos para visitar.

Roteiro ó muiño do Barreiro

Imaxe
Este roteiro parte de Sta. María de Cabalar, na Capela, e vai preto do curso do Belelle arriba por un tramo da GR55- Ruta dos castelos e mosteiros. Está ben sinalada, pero desta vez, atopamos o camiño en mal estado en varios lugares, por mor dos traballos forestais. Pasada a segunda ponte atopamos o muiño, ben grande e en bo estado de conservación. Seguimos a ruta, camiño arriba, ata a seguinte ponte sobre o Belelle. O camiño vai en paralelo á canle do muiño e no verán dá gusto facer o regreso ata o muiño seguíndoa, para poder observar de cerca o cauce cheo de penedos que atravesa este río. Camiñata curta, pero ben fermosa na que disfrutamos da beleza das fragas e do río.

San Xiao de Moraime

Imaxe
A igrexa románica de S. Xiao é un templo do s.XII que formaba parte dun antigo mosteiro benedictino, hoxe desaparecido. A igrexa ten planta basilical de tres naves e tres ábsides. A nave central, máis alta, está dividida en cinco tramos con arcos de medio punto; as laterais teñen os arcos apuntados. Na nave lateral sur, pola que estaba adosada ao mosteiro, hai unha porta de gran valor arquitectónico, descuberta hai unhas décadas. O pórtico da fachada principal coas súas figuras recórdanos ao Pórtico da Groria. A carón da igrexa está a antiga reitoral do s.XVIII, hoxe convertida en hostel. A Costa da Morte sempre merece unha escapadiña.

Paseo polas nubes- O Cadramón

Imaxe
Ás veces, as escapadas son en coche. Neste caso decidimos dar un paseo polas nubes e fomos ata a Serra do Xistral para subir (en coche) ao monte Cadramón. Situado na parroquia de S. Xurxo de Cadramón, no concello do Valadouro, é o monte máis alto do norte de Galicia. Toda a Serra do Xistral merece unha visita. Nela atoparemos rutas marcadas para facer a pé como a ruta da fervenza do Escouridal, a da Pena Abaladoira, o nacemento dos ríos Eume e Ouro, paisaxes incribles que nos deixarán abraiados,...Moito por descubrir. Convén ir con bo tempo, pois son moi frecuentes as néboas espesas que cubren todo.