A Casa do Pazo
O Museo Etnográfico do concello da Capela está formado pola Casa do Pazo, o Parque Etnográfico do río Sesín e a Escola de Guitriz. Os tres están interrelacionados e permiten unha aproximación ao xeito de vida do século pasado e á cultura popular da zona. Na Casa do Pazo recréase a vivenda tradicional da bisbarra, entendida coma unha unidade básica de produción e consumo nunha economía de subsistencia. Un percorrido polas súas dependencias (cociña, sala, cuarto, ...) e as construcións complementarias da casa ( hórreo, alpendres, ...) vannos permitir mergullarnos nun pasado recente e descoñecido para as novas xeracións. Tamén veremos unha pequena mostra dos oficios tradicionais complementarios desta economía doméstica: carpinteiro, carboeiro, xastre, ... Unha visita ben interesante!