Publicacións

Mostrando publicacións coa etiqueta Eume

A carón do Eume

Imaxe
A finais de abril, cunha explosión de beleza e verdor na natureza, calquera lugar é unha fermosura: costa, monte, paraño, unha senda,un río,... e con tanto onde elexir ás veces resulta difícil. Decidimos seguir cos ríos e desta volta dirixirnos ata o curso alto do Eume . Recorrer eses estradas rurais que nos achegan á beira do río, entre montañas, con pequenos rueiros e casas espalladas (moitas abandonadas), que humanizan estas paraxes. O Eume , ao longo dos seus 80Km de lonxitude, ofrece moitos lugares e recunchos ben coñecidos para visitar e disfrutar ( As Fragas do Eume , Caaveiro , Os Canóns do Eume , O Caneiro , etc.). Posiblemente sexa menos coñecido o seu curso alto, dende As Pontes ata o seu nacemento na parroquia de Montouto do concello lugués de Abadín . E esa foi a nosa elección para esta excursión. Paraísos do norte!

Por camiños de Ribadeume

Imaxe
A mediados de decembro, nunha tarde solleira, un paseo polos camiños de Ribadeume (As Pontes) é unha delicia. Bosques, campos, gandeiría extensiva, pistas forestais, senda do Eume, senda das Painceiras cos muiños e fervenza,...moito para elexir. Un paraíso a carón do Eume !

Montes de Viveiró

Imaxe
Da mesma maneira que preciso achegarme á costa, preciso tamén de cando en vez ir á montaña, buscar alturas dende as que otear horizontes. A pouco máis de media hora en coche (dende a casa) está Viveiró , ese pequeno e fermoso lugar de Muras que merecería un proxecto de rehabilitación integral por parte das administracións. Antes de baixar á aldea a panorámica dos montes e vales, onde nace e discorre o Landro , é impactante. A impresión da primeira vez que estivemos aquí, repítese cada vez que vimos. A poucos kilómetros está o nacemento do Eume , en plena Serra do Xistral , onde se xuntan os regos Lamoso e das Toxeiras , na parroquia de Montouto en Abadín . Toda esta serra é de gran beleza e con bo tempo merece andainas polas diversas rutas que teñen marcadas os concellos que nela converxen. Moito que descubrir e admirar. Paraísos das Terras Altas da Serra do Xistral !

Fervenza de Bermui ou das Painceiras

Imaxe
Na parroquia de Bermui , no concello de As Pontes , atópase esta fermosa fervenza de algo máis de 10m de altura, no rego das Foxas , que aínda que é de curto recorrido ten que salvar un desnivel de máis de 100m para chegar ao Eume . Coñecida tamén coma fervenza das Painceiras (painceira- terreo plantado de paínzo ou millo miúdo), lémbranos o que hai séculos era un cereal moi cultivado en Galicia e que pouco a pouco foi desplazado polo millo. Por certo, a Asemblea Xeral da ONU declarou o 2023 Ano Internacional do Paínzo, polos beneficios que o seu cultivo pode representar en países con condicións climáticas adversas e escasa dispoñobilidade de auga. É un cereal moi cultivado no mundo e o máis importante de Asia. Esta fervenza está a carón de dous muiños, lamentablemente en estado de abandono, e bótase en falta unha boa sinalización nesta parroquia pontesa para dar con ela. A fermosura do lugar, nunha das espectaculares fragas de ribeira que o Eume ten ao longo do seu percorrido,...