Publicacións

Mostrando publicacións desta data: Marzo, 2023

Teixido

Imaxe
Na Galicicia rural, pola dispersión da poboación, abondan os pequenos rueiros de menos de media ducia de casas, illados no medio dun monte ou dun val. Un deses lugares, de impactante beleza, é Teixido , pequeno núcleo do concello de A Capela , a carón das Fragas do Eume . Rodeado de montes pétreos que parecen protexelo e ao ladiño do rego de Vilariño que baixa buscando o Eume, atópase este fermoso rueiro que sempre que o vexo evócame a novela de Thomas Hardy, "Lonxe do mundanal ruido". Aquí está unha das entradas á Ruta circular do Miradoiro do Eume ou de Teixido; un pouco afastada está a ruta da baixada á vella central da Ventureira e tamén moi preto podemos ver o muiño e a pequena fervenza de Vilariño. Paraísos que descubrir!

O mar en Centeás

Imaxe
Baixar ata a cala de Centeás , sentarse nas rochas, notar o sol quentando a pel, observar o mar e deixar que o son das ondas relaxe o espíritu,... Que máis se pode pedir? Paraísos ao noso arredor!

Muiño do Redondo

Imaxe
Na parroquia de Magalofes , no concello de Fene , atópase este pequeno muiño do Redondo a carón dun pequeno souto que marca o paso das estacións coa súa beleza. A configuración hidrográfica deste concello propiciou que no s.XVIII funcionasen máis de 50 muiños na contorna. Este é un dos mellores exemplos destes pequenos muiños; restaurado entre 1996 e 1998, está en bo estado e o seu entorno natural ofrécenos unha mostra de especies autóctonas interesantes: castiñeiros, biouteiros, queiroga, árbores de ribeira, etc. Agora, a comezo da primavera, os castiñeiros aínda sen follas, mostran todo o seu porte e convidan a visitalos no verán ou no outono, cando deben estar soberbios en todo o seu esplendor.

A Campa

Imaxe
A praia de Seselle ou da Campa , hai anos estaba ben separada da praia do Raso e da praia das Regueiras ; esta, á sua vez, tamén estaba ben separada da praia do Xuncal en Ares , aínda que con marea baixa pasábase dunha á outra a pé ou con carros que viñan buscar area a Seselle para a construcción. As rodeiras que estes carros marcaron nesas rochas así o atestiguan. As puntas de terra que penetraban no mar separando estas praias foron erosionándose ata case desaparecer. Na actualidade a enseada de Ares , practicamente é esa fermosa cuncha que vemos nas tomas aéreas. Calquera delas é unha boa elección. Paraísos!

No Sesín

Imaxe
Onte, 22 de marzo, Día Mundial da Auga , demos un pequeno paseo polo Parque Etnográfico do río Sesín , na Capela . Fomos por Soaserra para fotografar o carballo centenario que hai no lugar de Os Duráns, agora que está espido e mostra o seu porte despexado de follas. O Parque Etnográfico do Sesín, coma xa indicamos noutra entrada, é unha senda de menos de 1km. que discorre a carón do río Sesín ou da Mazoca. É un eco-museo, no que a paisaxe, os elementos constructivos, as actividades tradicionais, etc. nos permiten coñecer un rico patrimonio eco-etnográfico que debemos preservar. O río neste tramo inicia a baixada impetuosa entre pozas e pequenas fervanzas buscando ao Eume . A fraga espida amosa os primeiros signos do renacer que trae a primavera. Con este baño de bosque un volta á casa coma novo. Paraísos!

Carballo centenario en Soaserra

Imaxe
No lugar Os Duráns da parroquia de Soaserra (Concello de Cabanas) está este magnífico carballo centenario.Ó velo lembro aqueles versos da canción do Día da Árbore que cantabamos nas escolas a mediados do pasado século: "Cantemos al árbol que voy a plantar si Dios lo protege del hombre y el viento salud y riqueza dará, salud y riqueza dará...

A Caaveiro

Imaxe
Para celebrar o Día Internacional dos Bosques que mellor que unha camiñata polas Fragas do Eume ? O tramo dende a vella central de Ventureira, na Capela, é un camiño cómodo e curto (sobre 6km. ida e volta) que nos leva ata o mosteiro de S. Xoán de Caaveiro . Cos sonidos do bosque, dos regos que baixan formando pequenas fervenzas e do río Eume, o camiño lévanos con suaves descensos entre eucaliptos e árbores das fragas ata preto do mosteiro onde se estreita formando un sendeiro. O mosteiro é de orixe medieval, xa que se fundou no 934, aínda que acadou o seu dominio a máxima extensión entre o 1220 e 1259, con máis de 15 parroquias baixo a súa xurisdición. Tamén tivo un momento de esplendor no s. XVII, coma Colexiata, e a finais do XVIII comeza a súa decadencia. Na actualidade está declarado BIC e a Deputación da Coruña, despois da súa restauración musealizouno, sendo un dos grandes atractivos das Fragas. Así, poderemos visitar a Casa dos Coengos, a Casa de D. Pío, as cociña

Ruinas do Sanatorio de Cesuras

Imaxe
Hai cinco anos descubrimos estas ruinas, do que ía ser o Sanatorio de Cesuras para enfermos de tuberculose, na parroquia de Bragade, no actual concello de Oza- Cesuras . Durante o Congreso sobre a Tuberculose ( un dos graves problemas sanitarios dos séculos pasados) celebrado en A Toxa e Mondariz en 1925, decidiuse a construción de dous sanatorios para o tratamento da enfermidade: un preto do mar en A Lanzada e outro en media montaña en Cesuras. Coas aportacións de emigrantes a América, do Estado e as recadacións das Festas das Flores da Coruña, iniciábase no 1927, a construción deste sanatorio nunha finca de 200 ferrados. O proxecto do arquitecto Rafael González Villar contemplaba dous pavillóns de dormitorios (separados por sexos) unidos por un edificio coas zonas comúns. No 1930, rematado un dos pavillóns, a obra párase e non chegará a rematarse o proxecto de Cesuras. Somentes chega a concluirse o gran parque que o rodeaba, cos distintos paseos e especies árboreas. Durante dé