Publicacións

Mostrando publicacións coa etiqueta Fervenzas

Na fervenza do Xestosa

Imaxe
Neste comezo de abril tan chuvioso outra fervenza que hai que visitar é a do río Xestosa , no límite dos concellos de Ourol e Muras . O Xestosa , tamén coñecido coma Xanceda , é afluente do Landro . Falta aínda moito verde nas árbores da fraga, so os piñeiros da baixada lucen as súas agullas, pero o espectáculo da auga merece a visita.

Fervenzas de Somede

Imaxe
En S. Mamede de Somede ( AS Pontes ), a carón do rego dos Campos , que verte as súas augas no Eume , atópase esta senda fluvial; descoidada polo concello de As Pontes , pero merecedora de atención pola súa riqueza paisaxística e etnográfica. Agora, nesta primavera chuviosa está complicada, pero é fermosisima. Aínda non conseguimos facer o percorrido completo. Nun primeiro intento, hai bastantes anos, fomos ata Aldea de Arriba , onde un sinxelo letreiro marcaba o inicio e o sendeiro levounos ata o primeiro muiño. O rego dos Campos baixaba entre saltos e fervenzas, polo medio da fraga de árbores espidas. No segundo intento, hai uns días, collimos o camiño que dende o rueiro que hai un pouquiño máis abaixo da igrexa, nos leva monte abaixo ata o rego dos Campos , xusto onde hai unha pontiga de lousa. Subimos a senda que hai na marxe esquerda e que non estaba en moi bo estado, obrigando a buscar alternativas polo monte. Chegamos a un punto onde resultaba moi complicado e aquí o de...

Fervenza de Augas Caídas

Imaxe
Achegarse no inverno, despois de días chuviosos, ata a fervenza de Augas Caídas en Mañón é perfecto. Deixamos o coche arriba, a carón do Miradoiro do Couce ou de Augas Caídas e seguimos a serpenteante baixada duns minutos ata o río Sor. Cunha caída de máis de 30m. o rego Seixo verte a súa auga ,na poza de Bimbes , ao río Sor que separa os concellos de Mañón e O Vicedo . Todo un espectáculo que merece a pena ser visitado en época de choivas!

Fervenza do río Castro en marzo

Imaxe
O río Castro , afluente do Río Grande de Xuvia , a poucos metros do castelo de Naraío en San Sadurniño , discorre por un estreito canón formando unha sucesión de fermosos rápidos, pozas e fervenzas- A máis espectacular é a coñecida coma fervenza do río Castro ou fervenza de Naraío . Despois destes días de abundantes choivas, os ríos e fervenzas galegas están espectaculares. Aproveitamos para ir ver a de Naraío e non nos defraudou. O paso de tanta auga por segundo é unha marabilla. Paraísos de inverno!

Fervenza e muiño de Vilariño

Imaxe
Preto do pequeno rueiro de Vilariño, no concello de A Capela , atopamos estes dous vellos amigos inseparables, a fervenza e o muiño , que parecen esperar que alguén pare un rato ao seu carón a disfrutar da beleza deste pequeno recuncho.    Nós cando pasamos por aquí, case sempre o facemos. Desta volta, rematando xaneiro, as árbores espidas, o chan alfombrado de follas, a luz dun serán de inverno,...beleza invernal que anuncia a voda dos paxariños . " A paisaxe é fermosa porque os ollos  poden atopar nela o seu lecer, porque a alma se pode misturar coas cousas  e o canto dun regueiro, o vento que zoa pódennos dicir mensaxes inefables, revelacións que non puidemos sospeitar"                            Manuel María Paraísos preto da casa!

Fervenza do rego da Palanca

Imaxe
O rego da Palanca nace no cordal de Montouto e xúntase con outros regos formando o río Cambás , afluente do Mandeo . Nestas unións, os regos atravesan espectaculares vales nesta zona que conserva a natureza primitiva dunha fraga autóctona e forman rápidos e fervenzas coma esta , coñecida como fervenza da Palanca . Pódese chegar a ela dende a área recreativa de Ponte Aranga na confluencia do Cambás co Mandeo por unha ruta de 6km. de certa dificultade ou, como fixemos nós, dende o lugar de O Couce cun percorrido de 2km, aproximadamente, e tamén con certas dificultades polas pendientes do terreo nalgunhas zonas.