Publicacións

O Caneiro

Imaxe
No concello de As Pontes atópase esta área recreativa de O Caneiro , á beira do río Eume e integrada no espazo natural impresionante dun fermoso bosque atlántico. Xunto aos elementos típicos dun merendeiro hai varias mostras do patrimonio arquitectónico popular que foron rescatados de varios lugares, desaparecidos pola explotación mineira, e reubicados neste lugar. Por exemplo a ponte medieval, o hórreo, a cruz de pedra, etc. Agora no outono, O Caneiro está espectacular coa súa vexetación vestindo as cores desta estación, e achegarse ata aquí é unha magnífica idea, sexa para pasar o día ou simplemente un par de horas. Neste tempo de seca prolongada, dá mágoa ver o río Eume con tan pouca auga. Esperemos que cheguen as chuvias e recupere todo o seu esplendor.

Muíño de Pedroso

Imaxe
No concello de Narón , a carón do río Grande , atopamos o Muíño de Pedroso . De comezos do XIX, este gran muíño foi rehabilitado no 1999 para ser un conxunto etnográfico rodeado dunha gran área recreativa inmersa nun espazo fluvial magnífico. Atopamos todo o preciso para pasar unhas horas inmersos na natureza: camiñar pola Ruta dos Ríos , preparar unha comida nas barbacoas cando está permitido, darnos un baño de natureza, etc. Tamén hai un parque infantil e moi preto un camping. No verán é un refuxio climático marabilloso, pero agora no outono tamén está espectacular.

O Camiño do Litoral

Imaxe
O Camiño do Litoral é un gran itinerario paisaxístico e cultural que percorre o litoral galego (o máis extenso de toda España cos seus 2.555Km) dende Ribadeo ata A Guarda . En 52 etapas que percorren 78 concellos e cunha lonxitude de 1.373Km, que se poden facer andando ou en bicicleta, pasaremos pola Costa Ártabra , Costa da Morta , rías Altas e Baixas , parques naturais,espazos da Rede Natura 2000, etc. Veremos castros, dólmenes, castelos, igrexas e ermidas, vilas e pobos costeiros, praias e calas paradisíacas,... Ideal para facer en tramos cortos de fin de semana ou pequenas vacacións, para cicloturistas, camiñantes, afeccionados ao turismo slow, etc. O outono e a primavera son as estacións máis axeitadas para animarse a facer este camiño.

Recunchos

Imaxe
Mirar ao noso arredor e descubrir recunchos máxicos e fermosos, lugares que enchen de paz o espíritu e que convidan a quedar neles, sitios que nos abraian e que nos deixan sen palabras,...en Galicia hai moitos. Unha sinxela ponte medieval sobre un rego pode ser ese recuncho. En Monfero , sobre o Rego dos Curros no lugar onde desemboca no Río Frai Bermuz , atópase este recuncho de gran beleza. Para disfrute dos sentidos!

Paseos pola praia

Imaxe
Dar un paseo pola praia á primeira hora, cando case está baleira, é un pracer. Vivir preto da praia, de Seselle neste caso, facilítao. Os pequenos praceres que nos fan felices. Non vai ser todo recorrer Galicia !

Refuxio Muiño da Furada

Imaxe
Outro dos fermosos refuxios do río Sor é este do Muiño da Furada , tamén en Mañón . Podemos chegar a el pola marxe de Mañón , na ruta de sendeirismo que vai dende a Ponte do Porto ata o refuxio de Ulló , e máis ou menos no medio, atoparemos esta abraiante beleza. Pero se queremos achegarnos en coche, despois de cruzar a ponte do Porto cara ao Vicedo , seguimos a estrada á beira do Sor hacia a desembocadura e pouco despois atoparemos a ponte colgante para cruzar outra vez o río e chegar ata o refuxio do Muiño da Furada . En días de calor, preto desta ponte podemos ver a excursionistas bañándose. Uns poucos metros río arriba, atoparemos a área recreativa do refuxio. Outro marabilloso refuxio climático natural para os días máis calorosos do verán.