Publicacións

Mostrando publicacións desta data: Outubro, 2022

A Barrosa en outono

Imaxe
Que dicir desta fermosura? En calquera época do ano, con calquera tempo atmosférico, en solitario ou ben acompañada,... Sobran as palabras.

Paseo por Rinlo

Imaxe
Rinlo é unha parroquia de Ribadeo, na mariña lucense. Esta pequena vila mariñeira, a carón do Cantábrico, ten un porto de orixe medieval. Dende o medievo ata o s.XVIII del saían expedicións para cazar baleas. A súa confraría de pescadores foi das primeiras de España e no ano 1904 tivo a primeira cetárea natural (para langosta e centola), construída preto da vila nun lugar onde o mar e as rochas forman unha piscina natural. Pouco despois empezan a funcionar outras dúas, que estiveron en activo ata principios dos noventa. Na actualidade forman a ruta das cetáreas. Pasear polas súas estreitas e enrevesadas rúas e calexóns, observar as súas casas mariñeiras ou indianas, percorrer o seu paseo marítimo, ou disfrutar do seu famoso arroz caldoso con bogavante (con reserva en temporada media-alta), son algunhas das cousas que poderemos facer nesta fermosura de vila. Paraísos que descubrir!

San Paio de Narla

Imaxe
A fortaleza de S. Paio, situada no concello de Friol, data do s.XIII e está ubicada sobre un antigo castro. A fachada principal, a pesares das reconstrucións posteriores, conserva parte da estrutura primitiva. A torre de homenaxe é o eixe arredor do que se asentan as demais construcións. No s.XX foi adquirida pola Diputación de Lugo, que a salvou da destrución para ser vendidas as súas pedras, e no 1983 convértese en Museo Etnográfico e Histórico. Neste interesante museo hai diversas coleccións de mobiliario, utensilios domésticos, apeiros, armas, etc. de diversas épocas e procedencias. Visita moi aconsellable.

Caión

Imaxe
Unha escapadiña a Caión semppre é unha boa idea. Esta parroquia do concello da Laracha é a súa saída ao mar. A vila está situada nunha pequena península bañada polo Atlántico na coñecida como Costa da Morte. Recorrendo o paseo marítimo, ou a praza da vila na que están o pazo dos condes de Graxal, a igrexa do Socorro e o antigo convento de S. Agustín, percibiremos o latexar do pobo. O porto, antigamente porto baleeiro, e as súas praias, tamén son de obrigada visita. Con día solleiro é un paraíso; con temporal do Atlántico imaxino que será como estar nunha embarcación no medio do océano.

Senda dos Cerqueiros

Imaxe
O Parque Natural das Fragas do Eume é un dos bosques atlánticos de ribeira mellor conservados no que hai moitas rutas, sendas, monumentos, ademais da fauna e flora, que podemos descubrir. A Senda dos Cerqueiros , no concello de Monfero, é unha delas. Ten algo máis de 6 km, pero é de pouca dificultade. A senda é ancha e con bastante bo firme. Hai cartelería explicativa da flora e fauna que podemos observar. Atoparemos o mirador de Carbueira dende o cal divisamos unha parte importante do embalse do Eume . Remata a ruta por estrada, que resulta algo incómodo; sempre poderemos regresar dando a volta. Boa camiñata!

Montefaro- Segaño

Imaxe
A batería de Montefaro foi construída no XVIII como batería costeira para defensa da entrada da ría de Ferrol e, posteriormente, modificada como batería antiaérea. Composta por varios bunkers, garitas, túneles e outras dependencias; ao recorrelos sempre pensamos na posibilidade de darlle uso a todas esas contrucións abandonadas. As vistas das rías de Ares e Ferrol son magníficas e con días de boa visibilidade podemos ver ata as illas Sisargas. A baixada ata o Segaño hai que facela con coidado xa que o camiño ten moitas pedras e regos dos arrastres da auga. No Segaño atopamos as baterías de Punta Segaño e Salgueiras, tamén iniciadas no XVIII e que estiveron en uso ata ben entrado o XX. Aquí, si a maleza o permite podermos recorrer, con precaución, os túneles, foxo, etc. Seguimos ata a praia de Chanteiro e subimos de novo a Montefaro polo camiño da Casa dos Enxeñeiros a carón do cruceiro de Chanteiro.

S. Xiao de Trebo

Imaxe
S. Xiao de Trebo é un dos lugares máxicos de Cariño tanto pola súa singularidade como polas lendas que o rodean. Dende o s. XIII celébrase unha peregrinaxe anual a esta capela. Esta ruta forma parte do Camiño de Santiago- Camiño do Mar, na etapa Cariño-S. André de Teixido. O Camiño Vello de S. Xiao é unha ruta doada que discorre en paralelo á costa atravesando bosques de loureiros, carballos, salgueiros e eucaliptos. O camiño mide aproximadamente 3,2km.(ida e volta) e resulta cómodo. Baixo a capela hai restos dun antigo xacemento romano. Pódese completar a ruta ata os escarpados cantís do cabo Ortegal, para contemplar os illotes dos tres Aguillóns e o faro. Tamén podemos elexir algún dos moitos miradoiros de Cariño para disfrutar das espectaculares vistas que nos rodean.

Redes - Cabanas

Imaxe
Iniciamos a ruta na senda que está sobre a praia de Areamorta en Redes. As vistas do porto, as cabrias, as rúas, ... espectaculares. O camiño discorre polos concellos de Ares, Fene e Cabanas, paralelo á costa. A praia de Río Sandeu indícanos que saímos de Ares e entramos en Fene. Deixaremos atrás as outras praias deste concello: Coído, Almieiras e río Castro para adentrarnos en Cabanas. Chegando á praia de Chamoso xa non sabemos dicir que rincón nos gustou máis, pois a beleza do percorrido impactounos. Chegamos as escaleiras da praia de Cabanas e iniciamos o camiño de volta con gañas de disfrutalo no outro sentido. Paraísos da ría de Ares ao lado da casa!