Publicacións

Mostrando publicacións coa etiqueta Cabanas

Praia de Chamoso

Imaxe
Despois da ribeira de Río Castro , tamén no concello de Cabanas , está a praia de Chamoso . É unha pequena praia, de area dourada, aínda que agora mesmo, despois dos temporais de inverno que levaron moita area, luce con abundantes rochas ao descuberto. Outras mareas voltarán a traer a area. Rodeada da vexetación típica do interior da ría, está ben orientada e protexida dos ventos. Mirando ao frente temos a entrada da ría de Ares e o fermoso pobo de Redes ; á man esquerda a costa de Pontedeume e á dereita as calas e a fermosa costa de Bezoucos . Paraísos!

Ribeira de Río Castro

Imaxe
Con marea baixa queda unha pequenq cala de area escura e milleiros de cunchas de ostras. A ribeira de Río Castro a última das calas de Fene na ría de Ares , neste caso compartida con Cabanas , xa que o rego Castro marca o límite dos dous concellos. Rodeada de vexetación e de rochas, ofrece recunchos moi fermosos para pasar unhas horas á beira do mar. A senda litoral que vai dende Redes ata Cabanas pasa por esta ribeira. Unha senda moi recomendable polas espectaculares vistas do interior da ría de Ares!

Eirís- Cabanas

Imaxe
O lugar de Eirís, en Cabanas é un fermoso balcón sobre o Eume, xa na desembocadura, onde as mareas fan variar o nivel do río. Colgadas da aba do monte, as casas semellan elementos dunha maqueta que unha man caprichosa colocou para vixiar este tramo do río. Dende aquí podemos facer unha ruta río arriba polas fragas ou simplemente pararnos, no medio do lugar, e contemplar a fermosura da paisaxe que temos ante nós. Nestes momentos, nos que media España sufre unha seca que ameaza poboacións enteiras, contemplar este verdor e o caudal dos nosos ríos resulta balsámico. Vivimos no paraíso!

Carballo centenario en Soaserra

Imaxe
No lugar Os Duráns da parroquia de Soaserra (Concello de Cabanas) está este magnífico carballo centenario.Ó velo lembro aqueles versos da canción do Día da Árbore que cantabamos nas escolas a mediados do pasado século: "Cantemos al árbol que voy a plantar si Dios lo protege del hombre y el viento salud y riqueza dará, salud y riqueza dará...

O Salto- Cabanas

Imaxe
Moi preto, no concello de Cabanas, na parroquia de Sta. Cruz do Salto temos estes miradoiros naturais para otear eses espléndidos horizontes do Golfo Ártabro. As imaxes valen máis ca mil palabras! Aquí tamén atopamos vestixios arqueolóxicos de hai milleiros de anos. Restos castrexos no monte O Castro e o menhir O Salto que dá nome á parroquia. Esta pedrafita tiña propiedades curativas contra o Meigallo e o Mal de ollo, tanto en persoas coma en animais. No mesmo concello hai as necrópolis megalíticas do Monte dos Golpes e Monte Punxeiro. No roteiro Terras Altas do concello poderemos descubrir un amplo abano destes vestixios entre outras marabillas.

Redes - Cabanas

Imaxe
Iniciamos a ruta na senda que está sobre a praia de Areamorta en Redes. As vistas do porto, as cabrias, as rúas, ... espectaculares. O camiño discorre polos concellos de Ares, Fene e Cabanas, paralelo á costa. A praia de Río Sandeu indícanos que saímos de Ares e entramos en Fene. Deixaremos atrás as outras praias deste concello: Coído, Almieiras e río Castro para adentrarnos en Cabanas. Chegando á praia de Chamoso xa non sabemos dicir que rincón nos gustou máis, pois a beleza do percorrido impactounos. Chegamos as escaleiras da praia de Cabanas e iniciamos o camiño de volta con gañas de disfrutalo no outro sentido. Paraísos da ría de Ares ao lado da casa!