No Sesín
Onte, 22 de marzo, Día Mundial da Auga , demos un pequeno paseo polo Parque Etnográfico do río Sesín , na Capela . Fomos por Soaserra para fotografar o carballo centenario que hai no lugar de Os Duráns, agora que está espido e mostra o seu porte despexado de follas. O Parque Etnográfico do Sesín, coma xa indicamos noutra entrada, é unha senda de menos de 1km. que discorre a carón do río Sesín ou da Mazoca. É un eco-museo, no que a paisaxe, os elementos constructivos, as actividades tradicionais, etc. nos permiten coñecer un rico patrimonio eco-etnográfico que debemos preservar. O río neste tramo inicia a baixada impetuosa entre pozas e pequenas fervanzas buscando ao Eume . A fraga espida amosa os primeiros signos do renacer que trae a primavera. Con este baño de bosque un volta á casa coma novo. Paraísos!