O castelo de Moeche , na parroquia de S. Xurxo en Moeche , é un castelo do s.XIV que pertenceu aos Andrade . É de planta octogonal irregular cun foxo escavado na rocha no lado oeste e no lado leste a entrada defendida con baluarte apegado de planta tamén irregular. A torre homenaxe de 18m de altura é unha das partes mellor conservadas e dende o patio de armas accédese a varias estancias no interior. No exterior salientar varios escudos de armas e as saeteiras e pequenas fiestras con arcos de medio punto. Os anchos muros son de cachotería de lousa e de granito do Forgoselo. Chama a atención a súa situación na cabeceira do val de Moeche en lugar de estar nunha zona máis alta. Foi escenario da primeira Revolta Irmandiña , cando Roi Xordo ao mando da Irmandade Fusquenlla chega ao castelo para acabar con Nuno Freire de Andrade, o Mao , que xa fuxira ao castelo de Andrade . Máis tarde o conde de Lemos , Pedro Álvarez de Osorio obriga aos Irmandiños a reconstruir o castelo ...