Castelo de Moeche

O castelo de Moeche, na parroquia de S. Xurxo en Moeche, é un castelo do s.XIV que pertenceu aos Andrade. É de planta octogonal irregular cun foxo escavado na rocha no lado oeste
e no lado leste a entrada defendida con baluarte apegado de planta tamén irregular.
A torre homenaxe de 18m de altura é unha das partes mellor conservadas e dende o patio de armas accédese a varias estancias no interior. No exterior salientar varios escudos de armas e as saeteiras e pequenas fiestras con arcos de medio punto. Os anchos muros son de cachotería de lousa e de granito do Forgoselo.
Chama a atención a súa situación na cabeceira do val de Moeche en lugar de estar nunha zona máis alta.
Foi escenario da primeira Revolta Irmandiña, cando Roi Xordo ao mando da Irmandade Fusquenlla chega ao castelo para acabar con Nuno Freire de Andrade, o Mao, que xa fuxira ao castelo de Andrade. Máis tarde o conde de Lemos, Pedro Álvarez de Osorio obriga aos Irmandiños a reconstruir o castelo con traballos e tributos. Actualmente é propiedade da Casa de Alba que pretendeu vendelo como "pedra do montón" no ano 1890 e os veciños conseguiron parar a poxa "in extremis". Restaurado polo concello nel está o Centro de Interpretación das Revolucións Irmandiñas. Dende 1980 o concello celebra na terceira semana de agosto o Festival Irmandiño, para conmemorar e reivindicar con carácter festivo o movemento dos Irmandiños cun asalto simbólico ao castelo e unha romería popular. Queda para outro día a visita ao interior!

Comentarios

Publicacións populares deste blog

O mar de Loiba

Praia Pequena de Chanteiro

Praia de Chanteiro

A Campa

Recunchos

Praia do Raso

Pola costa de Ares

Dende o parque do Petelo

Miradoiro de Augas Caídas

A Redes por mar