A escola de Seselle

En Galicia temos moi claro o importante papel que desempeñou a emigración no ámbito educativo e a contribución fundamental deste numeroso colectivo na creación da primeira rede escolar na nosa terra. No noso pequeno concello de Ares temos catro fermosos exemplos destas escolas : a Alianza Aresana de Instrucción fundada na Habana en 1904 e que inaugura a escola das Alianzas en Ares en 1908; a Agrupación Instructiva de Caamouco, fundada tamén na Habana no 1911 e que inaugura a escola da Tenencia no 1915; o Centro Instructivo, Recreativo e Social de Cervás na Habana e Estados Unidos que inaugura a súa escola no 1925 e por último, a Escola de Seselle, construida coa iniciativa privada dun único emigrante, Gaspar Vizoso Cartelle, e inaugurada no 1931.
En Seselle ata o 1931, non houbo escola e a rapazada tiña que ir a Ares; posteriormente na casa dos Duráns, no Froés, deuse escola durante uns anos. A foto desa casa dos Duráns é posterior, da década dos 60, xa en moi mal estado. Na foto de grupo, da década dos 20, a mestra acompañada do seu numeroso alumnado posan na estrada, diante desa casa.
Gaspar Vizoso, nacido en Seselle no 1874, emigrou con 15 anos á Habana. Alí fixo fortuna e financiou na súa aldea de Seselle o lavadoiro público no 1928 e a escola, que foi cedida ao concello, sempre que tivese fins educativos. Dende a inauguración no 1931 funcionou como escola ata o 1973, e tras anos de abandono, foi reclamada pola familia e na actualidade é vivenda particular.
Nas fotos do edificio, vemos o estado actual e o de abandono anterior á súa restauración; as fotos do lavadoiro mostran o seu estado actual despois de ser restaurado polo concello hai uns meses. Na foto de grupo, de mediados dos 40, a mestra aparece rodeada de alumnos e veciños de Seselle posando diante da porta da nova escola. Actualmente, os catro edificios da chamada arquitectura indiana, locen espectaculares e en tres deles seguen desempeñándose as funcións que constan nas súas actas fundacionais: instructivas, recreativas e sociais.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

O mar de Loiba

Praia Pequena de Chanteiro

Praia de Chanteiro

A Campa

Recunchos

Praia do Raso

Pola costa de Ares

Dende o parque do Petelo

Miradoiro de Augas Caídas

A Redes por mar