Publicacións

Mostrando publicacións coa etiqueta Miradoiros

Cova da Serpe

Imaxe
A cova da Serpe , situada na serra á que dá nome, na confluencia dos concellos de Guitiriz , Friol e Sobrado é unha curiosa caverna moi preto do monte máis alto da serra. É doado chegar ata ela porque a atopamos sinalada en Google. As vistas dende o pequeno miradoiro situado ao seu carón son espectaculares, a un lado a provincia de Lugo e ao outro A Coruña . Cun nome tan suxerente non podían faltar lendas relacionadas coa cova: as dúas máis coñecidas teñen a unha xigantesca serpe de protagonista, e na outra, dous namorados da bisbarra ocupan este papel. (Ambas lendas poden atoparse facilmente na rede).

Costa de Cedeira

Imaxe
Seguindo coa costa Ártabra , desta volta achegámonos ata Santo Antón de Corbeiro para percorrer parte da costa de Cedeira , dende este miradoiro ata moi preto de punta Candieira . A entrada da ría, a praia de Vilarrube e a súa costa, os solpores espectaculares,...dende este miradoiro,sorprenderánnos. Seguimos costeando ata a aldea de Trasmonte , por esta estreita estrada sobre cantís espectaculares. Chegamos moi preto do faro de Punta Candieira e subimos ata o miradoiro de Purrido , para disfrutar da beleza da Costa Ártabra neste concello de Cedeira . Fermosa tarde de marzo!

Miradoiro Cruceiro de Teixidelo.

Imaxe
O miradoiro do cruceiro de Teixidelo é un dos moitos miradoiros que rodean S. André de Teixido , na serra da Capelada . Coma en todos eles, as vistas son magníficas: a un lado a aldea de S. André, ao outro Punta Herbeira cos cantís máis altos da Europa continental, e baixo eles a praia de Teixidelo, a única de non orixe volcánica con areas negras. E o océano inmenso bañando todo este entorno, uns días en calma e outros furioso. Aquí, a uns metros do cruceiro, atopamos unha placa recordatorio dun episodio da II Guerra Mundial, cando a aviación alemana atacou unha pequena aeronave británica, con 17 persoas que perderon a vida nesta costa. Entre elas o famoso actor británico Leslie Howard . Este miradoiro é unha parada obrigatoria!

Entrada da ría de Ferrol

Imaxe
Nunca deixa de marabillarnos a entrada da ría de Ferrol dende o Miradoiro de A Bailadora (en Montefaro-Ares )! A estreita entrada cos seus castelos, o fermoso pobo de S.Felipe , a beleza de Mugardos , a cidade de Ferrol ao fondo,... Si despois nos achegamos ata a batería costeira de Fonteseca , no mesmo monte, poderemos ver tamén a entrada da ría de Ares- Betanzos , e ter unha magnífica perspectiva do Golfo Ártabro .

Miradoiro do Eume

Imaxe
Había 7 anos que non pisabamos este miradoiro e onte decidimos achegarnos ata el. O miradoiro do Eume ( Monfero ) está na Serra de Sanguiñedo , nas Fragas do Eume . Subimos pola estrada que pasa diante da ermida de S. André e deixamos o coche ao comezo da pista de terra. Os primeiros centos de metros son de subida suave, e a pista en bo estado ata a Pena do Teixo , onde está o miradoiro. Dende este, vemos o canón do Eume, partes do embalse, o Forgoselo, o monte de Fortandión, a cheminea de As Pontes, montes de Muras e Xermade,... Logo intentamos chegar ás fragas da beira do río, por unha das rutas marcadas, pero despois duns centos de metros, a pista estaba con bastante maleza e (por temor ás carrachas) non seguimos. Xa de volta paramos tamén no miradoiro de Cabría ( Pontedeume ), dende o cal a desembocadura do Eume na ría de Ares é todo un espectáculo.

Miradoiro de Pena Furada

Imaxe
Na marabillosa costa de Loiba , en Ortigueira ,está este miradoiro de Pena Furada dende o que temos unhas magníficas perspectivas desta costa e das moitas praias e ribeiras virxes que a conforman. O mar e o vento erosionan esta costa creando formas sorprendentes e moi fermosas. As baixadas a estas praias non son moi doadas, pero ben merecen o esforzo. Paraísos das nosas costas!