Publicacións

Mostrando publicacións desta data: Decembro, 2022

Cometas no ceo

Imaxe
Nos días ventosos a praia de Seselle é un lugar de quedada para moitos wind/kite-surfers. Cando vexo as velas voar venme á mente a novela do escritor afgán Khaled Hosseini. Igual que o seu protagonista Amir mira ao ceo e ve as nubes e sinte o vento co que un bo voador de cometas saberá xogar, estes surfers senten esa mesma paixón para cabalgar sobre as ondas da praia. Con vento, a praia de Seselle tamén é un paraíso.

Paraíso en decembro

Imaxe
Pasear pola praia de Seselle unha mañá así de finais de decembro é un luxo. Non hai palabras para describir tanta beleza: a paisaxe, os sons, as emocións suscitadas, os recordos que afloran,...Sen palabras. Os 3km.(ida e volta) de paseo, incluíndo a praia do Raso, son un auténtico agasallo de Nadal.

Arou

Imaxe
Agora que estamos nos días máis curtos do ano, con alerta por choiva, e no medio das festas de Nadal, apetece unha escapadiña, aínda que so sexa recordando. Arou é unha pequena vila do concello de Camariñas, na que a Costa da Morte móstranos toda a sua beleza: o mar, as praias, as vilas mariñeiras, os montes, as xentes,... Dende que pasei dous anos neste concello, por motivos laborais, sinto a necesidade de facer unha escapada anual a esta costa, polo menos! Sobra calquera palabra ante tanta beleza! Bálsamo para os sentidos.

Arboreto de San Sadurniño

Imaxe
O Arboreto galego da Cortiña é un xardín botánico adicado á protección e cultivo das árbores autóctonas. Iniciouse a finais do 2009 co obxectivo de reproducir as sete formacións boscosas máis representativas de Galicia: o souto, a carballeira, a fraga,o bosque de ribeira, o sobreiral, o faial,... Está a carón do paseo fluvial do río Xubia, o pazo da Condesa, o apiario e a horta das árbores froiteiras. Conta tamén cun parque infantil encantado, formado por un feixe de figuras de madeira que fan as delicias da cativería. Unha fantástica aula da Natureza para aprender e disfrutar. Tesouros que debemos admirar e conservar.

O Salto- Cabanas

Imaxe
Moi preto, no concello de Cabanas, na parroquia de Sta. Cruz do Salto temos estes miradoiros naturais para otear eses espléndidos horizontes do Golfo Ártabro. As imaxes valen máis ca mil palabras! Aquí tamén atopamos vestixios arqueolóxicos de hai milleiros de anos. Restos castrexos no monte O Castro e o menhir O Salto que dá nome á parroquia. Esta pedrafita tiña propiedades curativas contra o Meigallo e o Mal de ollo, tanto en persoas coma en animais. No mesmo concello hai as necrópolis megalíticas do Monte dos Golpes e Monte Punxeiro. No roteiro Terras Altas do concello poderemos descubrir un amplo abano destes vestixios entre outras marabillas.

Cabana de Bergantiños, Corme e Laxe.

Imaxe
A estas alturas de decembro, nos días máis curtos do ano, a falta de luz, o frío, a choiva,..., pode baixarnos o ánimo. Para combatir esto, recurro con frecuencia aos recordos e ás imaxes de momentos do verán. Por exemplo, esta escapadiña á Costa da Morte, polas terras de Cabana de Bergantiños, Corme e Laxe. Empezamos en Corme para achegarnos ata o Roncudo. Seguimos por Cabana de Bergantiños ata Laxe .Pasamos pola praia dos cristais e imos ata o seu faro. Logo continuamos para rematar na paradisíaca praia de Soesto. O coche, algo de comer nas mochilas e pouco máis para disfrutar desta viaxe e mergullarnos na beleza desta costa. "Galicia é o que vemos; a terra, o mar, o vento... Pero hai outra Galicia que vai no sentimento!" Os versos de Manuel María que nos falan dese sentir a Terra, desa comunión coa paisaxe, a xente,... Bos recordos para un día gris que xa non o é tanto.

Miradoiro do Paraño

Imaxe
Valdoviño é un concello cheo de lugares dunha fermosura incrible. O espazo natural da Frouxeira, coa lagoa de gran valor ecolóxico e o areal de máis de 3km., son un bo exemplo. Para ter unha boa perspectiva deste espazo temos que subir, pola estrada da costa que leva a Pantín, ao miradoiro do Paraño. Dende este miradoiro a lagoa e o areal móstranse en todo o seu esplendor. Ao fondo a punta Frouxeira co moderno faro de Meirás, as siluetas do monte Campelo e de cabo Prior e o Atlántico inmenso coa abraiante beleza. Seguindo a estrada ata Pantín acaberemos embriagados de vistas espectaculares. Temos unha terra marabillosa que estamos obrigados a preservar!

Muiño de Ferreñas

Imaxe
No concello de Vilarmaior, á beira do río Baxoi, atopamos este muiño recuperado xunto cun lavadoiro. Rodeados dunha fermosa área de recreo con merendeiro, barbacoa, pequeno parque infantil, aparcadoiro e sendas para camiñar, resulta ideal para pasar unhas horas no lugar. Construído a finais do XVIII muiñou continuamente ata o 1975. Pertencía a 16 casas e tiñan os turnos ou roldos para moer. Moía fundamentalmente millo e centeo, o trigo en menor medida. Os muiños son un dos elementos máis abundantes na arquitectura popular de Galicia. Atendendo á súa propiedade poden ser de aparcería, construídos e utilizados por un grupo de persoas con dereitos e deberes de mantemento, e os de maquía cando o servicio facíase a cambio dunha parte da muiñada. Merece a pena unha visita en calquera época do ano, pero nun día caloroso de verán é un paraíso.

Prioriño Chico

Imaxe
Achegarse ata Prioriño Chico dende o alto do Pieiro é gozar dunhas incribles vistas das entradas ás rías de Ares e de Ferrol, Montefaro e Chanteiro, Cariño, A Marola e A Coruña coa Torre de Hércules,... O Golgo Ártabro móstranos toda a súa beleza tanto con bo tempo, coma en días borrascosos. Unha vez en Prioriño Chico temos o faro, as baterías, o mirador ornitolóxico, e por suposto o océano batendo contra as rochas, o seu cheiro, as embarcacións que pasan por diante deste cabo, ... tantas cousas para disfrutar. Calquera momento é bo para achegarse ata aquí e deixarse impactar polo entorno.

Parque Etnográfico do río Sesín

Imaxe
É un ecomuseo integrado na ruta " máis aló dos eidos" que nos permite achegarnos e coñecer o rico patrimonio eco-etnográfico do concello da Capela: paisaxes, elementos construtivos, actividades tradicionais,... Xunto coa Casa do Pazo, e a Escola de Guitriz conforman o Museo Etnográfico da Capela que dende o ano 2001 nos mostran como os habitantes da bisbarra aproveitaron dun xeito racional os recursos que o medio lles ofrecía. A senda nos leva á beira do Sesín baixo unha mesta fraga e grandes rochas, achegándonos a traballos tradicionais con abundante cartelería explicativa: as curripas das castañas, os carboeiros, os muiños, o mel,... Un paseo moi interesante que nos permite unha viaxe no tempo de décadas atrás. Pura maxia!