Publicacións

Mostrando publicacións coa etiqueta As Fragas do Eume

Senda dos Encomendeiros

Imaxe
Nas Fragas do Eume hai varias rutas que nos permiten coñecer este tesouro da nosa terra: senda dos Encomendeiros, camiño da Ventureira, camiño dos Cerqueiros, Altos de Fontardión, parque etnográfico do Sesín,... Posiblemente a máis coñecida sexa a dos Encomendeiros . Dende a Alameda onde se deixa o coche, camiñando ata a primeira ponte colgante do Cal e seguindo a senda río arriba ata o mosteiro de Caaveiro para logo voltar ata a alameda. Desta volta, ao chegar á seguinte ponte colgante de Fornelos , decidimos cruzala e regresar ata a alameda. Case 10km e medio. De "ponte a ponte" unha marabilla! Chegounos.

Ruta polo Camiño dos Cerqueiros

Imaxe
A tarde de onte, con boa temperatura e sen vento, resultou estupenda para facer a ruta do Camiño dos Cerqueiros , no corazón das Fragas do Eume . É unha das varias rutas que podemos facer nas Fragas, e agora case rematando o inverno, observar o bosque antes da saída das novas follas nas árbores de folla caduca, dános outra visión da fraga. Nesta ruta circular de 8,5km a beleza do entorno é espectacular. A dificultade é baixa e so precisamos gañas de camiñar. Desta volta non nos achegamos ao miradoiro de Carbueira, porque xa caía a tarde e aínda nos quedaba un bo treito de ruta. Para outra ocasión!

Casiñas de pedra

Imaxe
Nas nosas andainas e viaxes polo norte de Galicia , unha das cousas que máis chama a nosa atención é a arquitectura popular . Sempre atopamos un muíño, unha ponte, unha casona, un lavadoiro ou fonte,...que nos obrigan a facer unha paradiña para contemplalos con detalle. Onte, estas casiñas de pedra de Monfero foron as protagonistas. A pedra, ese material por excelencia das construcións populares, confírelles un aspecto rústico e auténtico, integrándoos perfectamente coa paisaxe e o medio natural. Estas construciós parecen xurdir da terra, rodeadas por hortas ou xardíns que realzan aínda máis a súa beleza. Unha gozada!

Miradoiro do Eume

Imaxe
Había 7 anos que non pisabamos este miradoiro e onte decidimos achegarnos ata el. O miradoiro do Eume ( Monfero ) está na Serra de Sanguiñedo , nas Fragas do Eume . Subimos pola estrada que pasa diante da ermida de S. André e deixamos o coche ao comezo da pista de terra. Os primeiros centos de metros son de subida suave, e a pista en bo estado ata a Pena do Teixo , onde está o miradoiro. Dende este, vemos o canón do Eume, partes do embalse, o Forgoselo, o monte de Fortandión, a cheminea de As Pontes, montes de Muras e Xermade,... Logo intentamos chegar ás fragas da beira do río, por unha das rutas marcadas, pero despois duns centos de metros, a pista estaba con bastante maleza e (por temor ás carrachas) non seguimos. Xa de volta paramos tamén no miradoiro de Cabría ( Pontedeume ), dende o cal a desembocadura do Eume na ría de Ares é todo un espectáculo.