Publicacións

Mostrando publicacións coa etiqueta Parque Etnográfico do Sesín

Parque etnográfico do río Sesín

Imaxe
Un paseo moi aconsellable para un serán de verán pode ser este do Parque etnográfico do río Sesí n (concello de A Capela ), do que xa falamos ampliamente nunha publicación anterior no blogue. Un parque que é unha fermosa homenaxe dos habitantes deste concello aos seus devanceiros, que souberon explotar os recursos naturais sen esgotar nin destruir o medio. Nel, ademais da maxia e a fermosura do entorno, atopamos explicados exemplos do rico patrimonio etnográfico das tradicións artesanais vencelladas á explotación dos recursos e algunha mostra da arquitectura tradicional (muiño, ponte, curripa,...). Se gustamos do paseo podemos continualo polo Camiño Vello de Caaveiro e achegarnos ata a Casa do Pazo ( Museo Etnográfico).

No Sesín

Imaxe
Onte, 22 de marzo, Día Mundial da Auga , demos un pequeno paseo polo Parque Etnográfico do río Sesín , na Capela . Fomos por Soaserra para fotografar o carballo centenario que hai no lugar de Os Duráns, agora que está espido e mostra o seu porte despexado de follas. O Parque Etnográfico do Sesín, coma xa indicamos noutra entrada, é unha senda de menos de 1km. que discorre a carón do río Sesín ou da Mazoca. É un eco-museo, no que a paisaxe, os elementos constructivos, as actividades tradicionais, etc. nos permiten coñecer un rico patrimonio eco-etnográfico que debemos preservar. O río neste tramo inicia a baixada impetuosa entre pozas e pequenas fervanzas buscando ao Eume . A fraga espida amosa os primeiros signos do renacer que trae a primavera. Con este baño de bosque un volta á casa coma novo. Paraísos!

Parque Etnográfico do río Sesín

Imaxe
É un ecomuseo integrado na ruta " máis aló dos eidos" que nos permite achegarnos e coñecer o rico patrimonio eco-etnográfico do concello da Capela: paisaxes, elementos construtivos, actividades tradicionais,... Xunto coa Casa do Pazo, e a Escola de Guitriz conforman o Museo Etnográfico da Capela que dende o ano 2001 nos mostran como os habitantes da bisbarra aproveitaron dun xeito racional os recursos que o medio lles ofrecía. A senda nos leva á beira do Sesín baixo unha mesta fraga e grandes rochas, achegándonos a traballos tradicionais con abundante cartelería explicativa: as curripas das castañas, os carboeiros, os muiños, o mel,... Un paseo moi interesante que nos permite unha viaxe no tempo de décadas atrás. Pura maxia!