Miradoiro do Eume
Había 7 anos que non pisabamos este miradoiro e onte decidimos achegarnos ata el. O miradoiro do Eume ( Monfero ) está na Serra de Sanguiñedo , nas Fragas do Eume . Subimos pola estrada que pasa diante da ermida de S. André e deixamos o coche ao comezo da pista de terra. Os primeiros centos de metros son de subida suave, e a pista en bo estado ata a Pena do Teixo , onde está o miradoiro. Dende este, vemos o canón do Eume, partes do embalse, o Forgoselo, o monte de Fortandión, a cheminea de As Pontes, montes de Muras e Xermade,... Logo intentamos chegar ás fragas da beira do río, por unha das rutas marcadas, pero despois duns centos de metros, a pista estaba con bastante maleza e (por temor ás carrachas) non seguimos. Xa de volta paramos tamén no miradoiro de Cabría ( Pontedeume ), dende o cal a desembocadura do Eume na ría de Ares é todo un espectáculo.