Publicacións

Mostrando publicacións coa etiqueta Calas

Dende o parque do Petelo

Imaxe
Neste febreiro de tempo primaveral apetecen as camiñatas. Este paseo,(non por repetido perde atractivo) dende o parque do Petelo ata a praia de A Barrosa , sempre é unha boa elección. Na andaina imos asomándonos a todos eses múltiples recunchos que ten a costa de Ares , dende os que podemos observar a enseada, a vila, os cantís, un barquiño que sae faenar, veleiros na ría, o mar bañando as ribeiras, as aves mariñas, ... No percorrido veremos as calas da Cruz, Centeás, Estacas, O Colado , as illas Mirandas ... Esta cala do Colado sempre me fai pensar nunha escaleira de madeira coma a das outras calas. Poder baixar ata ela encantaríame! Agora confórmome con ollala dende o cantil e marabillarme co entorno. Pouco máis adiante, ao contemplar a cala de A Barrosa sentimos que esta costa da península de Bezoucos é coma o mascarón de proa dunha magnífica nave que zarpa do Golfo Ártabro cara ao Atlántico . O paraíso está en Ares!

Calas de S. Felipe

Imaxe
En S. Felipe están estas tres calas paradisiacas, moi preto do castelo de S. Felipe : a cala do Castelo , a cala da Caseta e a cala do Almirante que ten unha rampa semiderruida. Ante tanta beleza non sabería escoller ou recomendar unha; hai que visitalas todas. Paraísos ben preto!

Praia de Caolín

Imaxe
A praia de Caolín está no concello de O Vicedo , na ría do Barqueiro , xa na provincia de Lugo . Esta fermosa e famosa cala debe o seu nome a un antigo lavadoiro de caolín que había nela e do que aínda se conservan restos do edificio. A beleza das súas augas, area e entorno, convértena nun lugar paradisíaco. Paraísos de Galicia norte!

Setembro na Barrosa

Imaxe
A praia da Barrosa é unha das perlas da ría de Ares . Con esta beleza non é raro que sexa unha localización escollida para películas e series. En calquera momento, achegarse ata ela e mirar a ría é un pracer. Paraísos de Ares !

Cala Sonreiras

Imaxe
A Coruña , cos seus 956 km. de costa, é a provincia española que ten máis km. costeiros. Xa que logo, non é de extrañar o gran número e a variedade de praias e paisaxes costeiras que ofrece: areais de km de lonxitude, sistemas dunares, marismas e xunqueiras, praias pequenas, cantís impresionantes, calas, etc. A cala de Sonreiras en Cedeira , é unha desas calas paradisíacas que namoran. Non é preciso dicir nada máis. Paraísos!

A Barrosa "namora"

Imaxe
No xornal La voz de Galicia de hoxe falan da estrea na TVG da película "Os amantes de Abrente" , baseada na serie "Saudade de ti" . Esta serie ten moitas escenas de exteriores filmadas no concello de Ares . Unha das fotos que ilustra a noticia mostra unha escena rodada na Barrosa. A Barrosa "namora".

Na Barrosa, o mar coma un prato

Imaxe
Xa di o refrán que antes da tormenta vén a calma. A borrasca Óscar causando estragos no país e en Ares , onte ás cinco do serán, esta era a calma que había na ría: o mar tranquilo coma un prato víase así dende A Barrosa ! Achegarse ata esta cala para admirar a ría, otear o horizonte, observar os movementos dun mergullador saíndo do mar ou das gaivotas, notar a airexa que refresca a calor abafante destes días,notar o aroma das madreselvas no cantil... todo un luxo! Vivimos no Paraíso .