Recunchos de Mugardos
No veciño concello de Mugardos atopamos tan fermosos recunchos, que a lista sería moi longa.
Poderiamos comezar observando a enseada do Baño e parte do concello dende Montefaro (A estrada que sube ao monte está nun estado pésimo de conservación, pero as vistas merecen a pena).
Dende o lugar de A Redonda, San Felipe, ao outro lado da entrada da ría de Ferrol, chama a atención pola súa beleza. Está tan preto que poderiamos comezar unha conversa con alguén do outro lado.
A Baliza do Castelo da Palma, é outro recuncho que hai que visitar; a carón do mar, a sensación é a de estar nunha embarcación no medio da ría: escoitar o chío das gaivotas, o bater do mar contra a pedra, o motor dalgunha embarcación,...
E seguimos na pescuda de máis lugares por estradas menos coñecidas que parecen levarnos a lugares pouco frecuentados.
Chegamos ata o parque de Roibeiras; posiblemente o máis fermoso parque de Mugardos, nun entorno natural que convida a pasar moitos momentos de relax nel. Sorprendentemente, todo para nós!
E o resto da lista de recunchos queda para outra ocasión. Mugardos é un cofre cheo de tesouros.
Comentarios
Publicar un comentario