S. Pedro de Labrada
A parroquia de S. Pedro de Labrada , no concello de Abadín , coma outras terras do bispado mindoniense, vencéllase á chegada dos bretóns nos séculos V e VI coma data a sinatura do bispo británico Mailoc no II Concilio de Braga no 572. A igrexa de S. Pedro de Labrada , que dá nome á parroquia, está na aldea de Barral e data de finais do s. XII, cando o bispo de Mondoñedo fundou a parroquia, pero, coma en tantas igrexas galegas, conserva poucos elementos románicos. Os muros laterais mostran as partes máis antigas desta igrexa. O que si chama poderosamente a atención é o adro, espacioso e coidado, que permite observala a distancia dende todos os ángulos. Noutros casos, moi abundantes por desgracia, atopamos xoias arquitectónicas totalmente ocultas ou constreñidas por cemiterios construidos arredor das igrexas, que impiden practicamente apreciar a beleza dos edificios.