Publicacións

Mostrando publicacións desta data: setembro, 2024

S. Miguel de Breamo

Imaxe
Situada no cume do monte Breamo ( Pontedeume ), está a pequena igrexa románica de S Miguel ; é o que queda dun mosteiro medieval. O Real Priorato de S. Miguel aparece nun documento do 1234 por un pleito entre Breamo e o mosteiro de Sobrado , pero a súa existencia é anterior, según a inscrición no contraforte esquerdo da porta principal, do ano 1187. Ten planta de cruz latina dunha soa nave cuberta por bóveda de canón e tres ábsidas semicirculares cubertas por bóvedas de cascarón.. Chama a atención a sinxeleza e pureza das súas liñas románicas, os fortes contrafortes, o gran rosetón da austera portada principal, os canzorros que coroan todos os muros e as ábsidas,... Na ruta do románico no Golfo Ártabro é un dos exemplos máis importantes que debemos visitar. A área recreativa, a carón da igrexa, estaba preparada para recibir aos romeiros de S. Miguel na gran romería do 29 de setembro.

Arquitectura popular

Imaxe
Cando a beleza da arquitectura popular , no marco incomparable desta atalaia do esteiro do río Eume na ría de Ares , fai obrigatoria unha paradiña para a contemplación. Subindo a Breamo , en Pontedeume , atopamos estas dúas casas separadas por un camiño que baixa ata a vila. Unha indiana e a outra unha antiga casa de labranza restaurada. Xoias da arquitectura da nosa contorna!

Entrada da ría de Ferrol

Imaxe
Nunca deixa de marabillarnos a entrada da ría de Ferrol dende o Miradoiro de A Bailadora (en Montefaro-Ares )! A estreita entrada cos seus castelos, o fermoso pobo de S.Felipe , a beleza de Mugardos , a cidade de Ferrol ao fondo,... Si despois nos achegamos ata a batería costeira de Fonteseca , no mesmo monte, poderemos ver tamén a entrada da ría de Ares- Betanzos , e ter unha magnífica perspectiva do Golfo Ártabro .

O "lagoon" da praia de Seselle

Imaxe
Estes días, coas "lagarteiras" ( as grandes mareas equinocciais de setembro ), a praia de Seselle volve a descubrir coa baixamar o lagoon que atesoura. A praia, cuberta dunha calima do fume dos incendios en Portugal, tiña unha luz estraña. O lagoon de Seselle , un episodio da transgresión holocena na ría de Ares, xa foi estudiado no 1993 por Santos Fidalgo e Vidal Romaní. Esa lagoa de auga doce, co seu entorno vexetal, vese inundada polo mar hai uns 4000 anos, sendo fosilizada posteriormente. Os restos mesturados co fango, sin aire, tranformáronse na turba que aínda hoxe podemos ver. Marabillas da nosa contorna!

Adeus verán!

Imaxe
Nestes días de finais do verán, as lagarteiras deixan unhas mareas vivas impresionantes en toda a costa. Os bañistas aproveitan o bo tempo destes días de setembro e seguen disfrutando das praias, coma nesta de Chanteiro . Na nosa camiñata habitual pola costa norte de Ares parece apreciarse unha nova luz e un aroma que fala de outono. No pequeno descanso no merendeiro de Xunconovo , é raro non ver movemento de embarcacións, entrando ou saíndo da ría de Ferrol . Outono no aire!

Praia de Esmelle

Imaxe
A praia de Esmelle , entre as praias de S. Xurxo e A Fragata ( Ferrol ), é outro recuncho moi fermoso da costa de cabo Prior . A súa area, o seu mar, o entorno,... fan que sexa moi frecuentada no verán. Cando remata a tempada estival podemos atopala con apariencia dunha praia virxe. Toda para nós! Disfrutando destas tardes solleiras de setembro no norte de Galicia.