Publicacións

Miradoiro do Eume

Imaxe
Había 7 anos que non pisabamos este miradoiro e onte decidimos achegarnos ata el. O miradoiro do Eume ( Monfero ) está na Serra de Sanguiñedo , nas Fragas do Eume . Subimos pola estrada que pasa diante da ermida de S. André e deixamos o coche ao comezo da pista de terra. Os primeiros centos de metros son de subida suave, e a pista en bo estado ata a Pena do Teixo , onde está o miradoiro. Dende este, vemos o canón do Eume, partes do embalse, o Forgoselo, o monte de Fortandión, a cheminea de As Pontes, montes de Muras e Xermade,... Logo intentamos chegar ás fragas da beira do río, por unha das rutas marcadas, pero despois duns centos de metros, a pista estaba con bastante maleza e (por temor ás carrachas) non seguimos. Xa de volta paramos tamén no miradoiro de Cabría ( Pontedeume ), dende o cal a desembocadura do Eume na ría de Ares é todo un espectáculo.

Praia de A Fragata

Imaxe
Sabemos que resulta moi recomendable camiñar pola praia, sabemos do efecto relaxante do son das ondas, dos beneficios de pisar a area, que respirar o aire do mar mellora as doenzas pulmonares, alerxias, etc. Por todo iso, e moito máis, un paseo pola praia sempre é unha boa elección. En Ferrolterra hai tantas praias e calas para escoller, que cada día podemos ir a unha diferente. A praia de A Fragata , en Covas ( Ferrol ), non a coñecíamos. Foi todo un descubrimento, porque é moi fermosa, e o entorno impresiona pola súa beleza. Paraísos do norte que descubrir!

Ceo encapotado na praia de Coído

Imaxe
En setembro tamén pode haber días co ceo encapotado, orballentos, con temperatura moi agradable, que teñen unha atmosfera moi especial e que a min me encantan. Un paseo pola praia de Coído (Fene) , solitaria neste serán de finais de verán, resulta ben agradable. Cargando pilas!

Chanteiro en setembro

Imaxe
O paseo de onte á tarde é un dos que máis repetimos, porque é espectacular. Comezamos no aparcadoiro da praia de Chanteiro , e camiñamos ata o merendeiro de Xunconovo , onde demos volta. Esta camiñata pola costa norte de Ares é doada e coas vistas que nos ofrece resulta moi grata. A praia de Chanteiro , unha marabilla coma sempre, convidaba a quedar nela. O camiño de Salgueiras , perfecto miradoiro para apreciar a entrada na ría de Ferrol e o Golfo Ártabro ofrecíanos as imaxes dunha regata de veleiros. No paseo sempre hai algo que chama a atención: un veleiro entrando na ría, un pescador na ribeira, os cambios que producen na paisaxe as estacións,... E logo duns minutos de descanso no deteriorado merendeiro de Xunconovo , volta. Comentar que no camiño de Salgueiras "desapareceron" 7 bancos e 7 papeleiras. Mágoa!

Forte marexada en Meirás

Imaxe
Neste comezo de setembro o tempo está algo revolto. Antonte polo serán achegámonos a Meirás para disfrutar da hipnótica marexada batendo na costa. As ondas bañando de escuma as rochas e os areais, os salseiros cubrindo a costa, a melodía do océano nos cantís,... Pura beleza!

O piñeiro solitario

Imaxe
Nas camiñatas polos arredores sempre atopo algo novo que me convida á contemplación: algún recuncho nos camiños, un cogumelo, algunha planta, unha bolboreta, un edificio en ruinas,... Onte foi este piñeiro solitario de gran porte no medio do campo, rodeado polo que parece un corro doutras árbores que semellan non querer achegarse. Unha paradiña a contemplalo, facerlle a foto e seguir a camiñata. Paraísos ao lado da casa!