Publicacións

Cores de outono

Imaxe
Achegarnos ata a montaña en Muras para ver como o outono vai cubrindo coas súas cores a paisaxe é unha gozada. A fermosa tarde de onte permitiunos disfrutar dos montes e vales, cubertos do manto outonal, que vai atravesando o Eume no seu recorrido por estas terras. As marabillas da Natureza que enchen a alma!

Casiñas de pedra

Imaxe
Nas nosas andainas e viaxes polo norte de Galicia , unha das cousas que máis chama a nosa atención é a arquitectura popular . Sempre atopamos un muíño, unha ponte, unha casona, un lavadoiro ou fonte,...que nos obrigan a facer unha paradiña para contemplalos con detalle. Onte, estas casiñas de pedra de Monfero foron as protagonistas. A pedra, ese material por excelencia das construcións populares, confírelles un aspecto rústico e auténtico, integrándoos perfectamente coa paisaxe e o medio natural. Estas construciós parecen xurdir da terra, rodeadas por hortas ou xardíns que realzan aínda máis a súa beleza. Unha gozada!

Verán de S. Martiño

Imaxe
Este ano o verán de S. Martiño , eses días cálidos que adoitan darse arredor do 11 de novembro, foi longo e caloroso. Gozamos dun tempo espléndido que nos facía esquecer o outono, case parecía verán. Un día aproveitamos para achegarnos ata a cala Sonreiras e dende o seu mirador contemplar a entrada da ría de Cedeira . O banco de madeira convidábanos a sentar nel e disfrutar do marabilloso tempo e o espectáculo que tiñamos ante os nosos ollos. Aproveitamos tamén para ver os avances deste ano no castro do Sarridal.

Faro-Baliza do Castelo da Palma

Imaxe
O faro-baliza do Castelo da Palma, a poucos metros deste castelo de Mugardos do que leva o nome, foi construido no ano 1862 para avisar da perigosidade do baixo mariño desta zona. Trátase dun faro de quinto orde e ten un alcance de 7 millas náuticas de luz. A súa situación, á beira e case á altura do mar na estreita entrada da ría de Ferrol, resulta moi atractiva; semella que estás na cuberta dunha embarcación dende a que divisas S.Felipe, Mugardos, Ferrol, barcos e veleiros navegando na ría,... O acceso é doado e ten un entorno moi tranquilo e agradable para pasar un bo rato contemplando o mar. Moi preto da baliza, no mesmo lugar de A Redonda, moitos máis recunchos para disfrutar. Paraísos da costa de Bezoucos!

Miradoiro Cruceiro de Teixidelo.

Imaxe
O miradoiro do cruceiro de Teixidelo é un dos moitos miradoiros que rodean S. André de Teixido , na serra da Capelada . Coma en todos eles, as vistas son magníficas: a un lado a aldea de S. André, ao outro Punta Herbeira cos cantís máis altos da Europa continental, e baixo eles a praia de Teixidelo, a única de non orixe volcánica con areas negras. E o océano inmenso bañando todo este entorno, uns días en calma e outros furioso. Aquí, a uns metros do cruceiro, atopamos unha placa recordatorio dun episodio da II Guerra Mundial, cando a aviación alemana atacou unha pequena aeronave británica, con 17 persoas que perderon a vida nesta costa. Entre elas o famoso actor británico Leslie Howard . Este miradoiro é unha parada obrigatoria!

Recunchos de Mugardos

Imaxe
No veciño concello de Mugardos atopamos tan fermosos recunchos, que a lista sería moi longa. Poderiamos comezar observando a enseada do Baño e parte do concello dende Montefaro (A estrada que sube ao monte está nun estado pésimo de conservación, pero as vistas merecen a pena). Dende o lugar de A Redonda , San Felipe , ao outro lado da entrada da ría de Ferrol , chama a atención pola súa beleza. Está tan preto que poderiamos comezar unha conversa con alguén do outro lado. A Baliza do Castelo da Palma, é outro recuncho que hai que visitar; a carón do mar, a sensación é a de estar nunha embarcación no medio da ría: escoitar o chío das gaivotas, o bater do mar contra a pedra, o motor dalgunha embarcación,... E seguimos na pescuda de máis lugares por estradas menos coñecidas que parecen levarnos a lugares pouco frecuentados. Chegamos ata o parque de Roibeiras ; posiblemente o máis fermoso parque de Mugardos, nun entorno natural que convida a pasar moitos momentos de relax nel....