Publicacións

Mostrando publicacións desta data: novembro, 2023

Montes de Viveiró

Imaxe
Da mesma maneira que preciso achegarme á costa, preciso tamén de cando en vez ir á montaña, buscar alturas dende as que otear horizontes. A pouco máis de media hora en coche (dende a casa) está Viveiró , ese pequeno e fermoso lugar de Muras que merecería un proxecto de rehabilitación integral por parte das administracións. Antes de baixar á aldea a panorámica dos montes e vales, onde nace e discorre o Landro , é impactante. A impresión da primeira vez que estivemos aquí, repítese cada vez que vimos. A poucos kilómetros está o nacemento do Eume , en plena Serra do Xistral , onde se xuntan os regos Lamoso e das Toxeiras , na parroquia de Montouto en Abadín . Toda esta serra é de gran beleza e con bo tempo merece andainas polas diversas rutas que teñen marcadas os concellos que nela converxen. Moito que descubrir e admirar. Paraísos das Terras Altas da Serra do Xistral !

O mar de Loiba

Imaxe
Nas tardes solleiras de outono, de cando en vez, facemos unha escapadiña ata a costa de Loiba para ollar o mar. Se a marea o permite, baixar ata a praia de Picón é unha necesidade. Desta volta, coa marea alta non foi posible e houbo que conformarse con contemplala dende arriba. O espectáculo desta costa namora. Este é outro deses moitos lugares da nosa terra que piden voltar. Paraísos do norte de Galicia !

Tarde de novembro en Seselle

Imaxe
Un paseo pola praia de Seselle nun serán de novembro pode ser o paraíso. Sempre hai algo distinto, novo, fermoso, único, máxico... que apreciar e disfrutar. A beleza dun tronco arrastrado pola marea, o aroma do salitre no aire, o son do mar, a caricia do sol, a airexa marina na pel, a natureza adormecendo... Gústame novembro co seu aire fresco que nos achega ao inverno. Coa súa neblina de nostalxias, distancias, recordos... A felicidade está á volta da esquina, nas pequenas cousas que nos rodean. Vivimos no paraíso.

Pico da Ferreira

Imaxe
O Pico da Ferreira ou de S. Vicente está na parroquia de Ferreira en San Sadurniño . No medio do val do río Grande de Xubia e cunha altura de 355m é un excepcional miradoiro natural que nos permite ver unha panorámica de 360º do val do Xubia, dende Pedroso ata Moeche . No cume atópanse uns penedos nos que hai un sartego antropomórfico escavado na rocha e mais unha cazoleta, cunha posible orixe altomedieval vencellado á existencia dun templo, hoxe desaparecido, e do que no 1125 sábese que foi doado polo señor feudal Pedro Froilaz ao mosteiro de Xubia. Este templo estaría erixido, coma é costume, nun lugar de culto pre-cristián do que se conservaron costumes e ritos ata hai ben pouco. Según conta a lenda, a veciñanza cansa de subir ata a capela de S. Vicente no curuto decidiu levar o santo para a igrexa de S. Paio no val, pero polas noites o santo subía ao pico para durmir na súa "camiña de pedra". Para rematar con estas escapadiñas do santo, decidiron prendelo. Non s...

Garita de Bares

Imaxe
Dende finais da Idade Media , a costa galega empezou a levantar estruturas de vixía e alerta para a defensa dos ataques por mar. Un dos nomes que reciben estas estruturas é fachos , polas fogueiras que prendían os vixías cando divisaban ao inimigo. Esta Garita de Bares ou Garita do Facho de Maeda , sobre a ría do Barqueiro no concello de Mañón , xunto á Garita de Punta Herbeira en Cedeira e a Garita de Espasante , formaban parte deste sistema defensivo da costa galega. Conserva en perfecto estado unha das dúas estancias que tiña e na actualidade trocou a súa función pola de miradoiro espectacular sobre a península de Bares. Está situada esta garita case ao remate do Camiño dos Arrieiros ou Camiño Vello , esa vía ancestral chea de túmulos prehistóricos, asentamentos da Idade do Ferro, época romana, tardo romana e medieval, que vén dende As Pontes ata Estaca de Bares sobre os montes da Serra Faladoira . A ría do Barqueiro formada pola desembocadura do río Sor , polos restos ...

Camiño de Salgueiras

Imaxe
Onte pola tarde, aproveitando esta mellora no tempo que parece que se vai prolongar por uns días, fomos ata a praia de Chanteiro para dar un paseo polo camiño de Salgueiras . Con bo tempo é unha marabilla e con mal tempo tamén. Con boa visibilidade, a panorámica do Golfo Ártabro é impresionante. A costa perfílase ata as illas Sisargas ! Aínda está en obras a senda peonil, pero pódese pasar. Ao chegar á Batería do Segaño , subimos ata a Batería de Salgueiras e logo ata o cruceiro de Chanteiro para baixar ata a praia. Estupendo paseo de outono. Vivimos no paraíso!

Kitesurf en Seselle

Imaxe
Levamos un mes de borrascas sucesivas, con pequenas treguas entre elas, que propician a práctica de deportes relacionados co vento nas praias. Por iso, a praia de Seselle nestas semanas está moi frecuentada polos afeccionados ao kitesurf e ao windsurf . Contemplalos mentras practican é un espectáculo. As cometas no ceo danzan imparables!

Escola habaneira de Roupar

Imaxe
A "Sociedad de Instrucción y Protección Hijos de Roupar" impulsaba no ano 1913 dende A Habana , coa colaboración dos veciños da parroquia, a creación dunha escola que se faría realidade no 1921 e pola que durante 60 anos pasaron numerosas xeracións de alumnos. No artigo 41 do Regulamento da Sociadade de Instrución, aprobado na Habana o 13 de xuño de 1913 indicábase: "As clases na escola que se construirá en Roupar serán diurnas e nocturnas..." "As materias que se impartirán: Lectura, Escritura, Gramática, Aritmética, Agricultura, Historia, Xeografía, Xeometría, Contabilidade mercantil, Labores Femininas, Correspondencia familiar e doutras ordes, así coma conferencias para adultos sobre Agricultura, Gandeiría, Avicultura, Apicultura, Código Civil,... Ata os anos 80, o fermoso edificio, funcionou coma escola para pasar a ser Centro Social que recolle múltiples actividades da veciñanza. Outro edificio da nosa terra que nos lembra a débeda que temos con esas x...

Novembro na praia de Seselle

Imaxe
Onte pola mañá, aproveitando unha tregua antes da chegada da borrasca Domingos , demos un paseo corto pola praia de Seselle . O sol acompañounos aínda que o vento xa anunciaba o que estaba por chegar. A praia, coma sempre, un paraíso.

S. Nicolao de Cis

Imaxe
Na entrada anterior falaba dunha sinxela e humilde igrexa rodeada dun adro, amplo e coidado, que a revalorizaba e nesta entrada comento o caso contrario. S. Nicolao de Cis , coñecido tamén coma S. Salvador , é unha fermosa igrexa da parroquia de Cis , no concello Oza-Cesuras . Pertencía ao mosteiro dúplice fundado polos condes D. Aloito e Dna. Paterna a finais do s.IX. No s.XII pasou ao conde de Traba, Pedro Froilaz e coa desamortización do XIX desaparecen as instalacións monacais e so queda a igrexa. Este templo gótico foi construido no s.XIV sobre un antigo templo mozárabe do que se conservan poucos restos. Ten planta basilical con tres naves de estilo oxival e a cabeceira de tres ábsides sendo o central máis grande e de planta heptagonal; os ábsides laterais teñen planta pentagonal. Abunda a decoración escultórica e a luminosidade favorecida pola apertura de ventanais e rosetóns. A portada principal está presidida por un rosetón sobre aporta abocinada cuxo tímpano ten a S. Bieito ...