A fonte da Virxe de Chanteiro

Esta fonte está a carón da ermida da Mercé de Chanteiro e ten unha fermosa lenda que as relaciona. Dise que hai centos de anos, alá na Idade Media, uns mariñeiros faenaban unha noite de verán preto da praia de Chanteiro. Viron en terra unha luz moi brillante e achegáronse á praia para ver de que se trataba. Sorprendidos quedaron ao ver que era a imaxe dunha virxe pousada nunha redondeada pedra, a carón dunha fonte. Tempo despois Fernán Pérez de Andrade manda construir a ermida da Virxe da Mercé moi preto da fonte.
E continuando coas lendas, a uns centos de metros da fonte, no rego de Pomouro que desemboca na praia de Chanteiro, estaba o muiño de Pardiñas. Os muiños tiveron unha grande importancia na vida cotiá das aldeas e parroquias. Esto orixinou unha gran cantidade de cantigas, contos, lendas, arredor deles. Este pequeno muiño de Pardiñas era de parcería ou de partes, posto que era propiedade de varias familias que tiñan quendas ou turnos para moer. Aínda que pequeno, ten unha lenda que as vellas contaban máis ou menos así: "Unha noite fría de muiñada, escoitamos o pranto dun neno pequeno fóra do muiño. Ao saír atopamos un pequerrecho de meses, morto de frío, abandonado ao pé do muiño. -Malnacida, quen te deixou aquí mortiño de frío?-dixeron entrando ao neno no muiño e poñéndoo a carón do pequeno lume que alí ardía. Ao calor o neno adormeceu. Seguiron coas labores da muiñada e ao pouco un galo cantou: - Quiquiriquí, as nenas de Chanteiro quentáronme o cú. Xa non estaba o neno. No seu lugar o galo cantor que ao abrirlle a porta escapou". As vellas dicían que o galo-neno era o demo. As lendas forman parte dese rico patrimonio cultural e inmaterial que fai da nosa terra un lugar máxico.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

O mar de Loiba

Praia Pequena de Chanteiro

Praia de Chanteiro

A Campa

Recunchos

Praia do Raso

Pola costa de Ares

Miradoiro de Augas Caídas

Dende o parque do Petelo

A Redes por mar