Lavadoiro de Seselle

As fontes e lavadoiros eran construcións fundamentais na vida cotiá ata hai unhas décadas. O lavadoiro público de Seselle, no Baixolo, donado por Gaspar Vizoso Cartelle no 1928, é unha testemuña dese pasado que aínda vive nos recordos de moitos de nós. Pasar ao seu carón sempre trae lembranzas da infancia. Por exemplo, lémbrome da Ratita; alcumada así, pero de nome Andrea. Sempre lle chamei señora Andrea. Era miuda, pequeneira, de rostro sucado por centos de enrugas e unhas mans inflamadas, de pel gastada e esbrancuxada de tanto lavar. De oficio lavandeira, canto frío debía pasar a pobre! Sempre cunha pinga a punto de caer do seu afiado nariz. Recórdoa pola estrada, vindo dende Ares, coa súa pesada carretilla de madeira cargada coa tina, a roupa e demais cousas precisas. Lavaba no río de Lero, non neste do Baixolo, e alí botaba horas antes de voltar a Ares. De moi pequena, eu tíñalle certo medo porque era malencarada e de xenio vivo. Logo comprendín que esa expresión era o reflexo dunha vida tremendamente dura. A nosa historia está chea de mulleres con vidas difíciles, cargadas de dor e desgracias, aldraxadas, escravizadas,... Conservar un lavadoiro tamén é conservar a nosa historia!

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Recunchos

Praia de Chanteiro

Praia Pequena de Chanteiro

A Campa

O mar de Loiba

Pola costa de Ares

Sta. Catarina de Montefaro

A Redes por mar

A escola de Seselle