As tres virxes irmás da Faladora

O Camiño dos Arrieiros é unha vía de comunicación moi antiga entre as bisbarras do Eume e Ortegal. Ao longo dos seus case 50km. hai unha das maiores concentracións de túmulos prehistóricos da península e asentamentos da Idade de Ferro, tardo-romana e medieval; asociados a eles, o número de lendas é ben grande. Unha desas lendas é a das Virxes irmás da Faladora. A Pena Faladora dá nome á Serra Faladoira que vai dende As Pontes ata Estaca de Bares. Arredor desta pena hai tres capelas, perdidas entre montes e vales, unidas por esta lenda das tres virxes irmás: a da Virxe de Portas nos Devesos (Ortigueira), e as de Pena de Francia e Merlán, ambas no Freixo (As Pontes). Según a lenda, eran tres mozas castigadas polo seu pai a vivir cada unha na súa capela sen poder verse coas outras; outra variante di que eran tres vellas que non se podían ver do mal que se levaban, e cada unha foi á súa capela para non mirarse máis e como as capelas están en zonas rodeadas de altos cumes, era imposible que se mirasen. A lenda sirve de pretexto para localizar e visitar estes tres lugares. Nosa Señora de Portas:
Esta capela do XVIII está nos Devesos (Ortigueira) moi preto do Camiño dos Arrieiros, ten un dintel na porta lateral cunha estrela de David atravesada por unha cruz e un adro triangular que resultan ben curiosos. Conta coa súa fonte, que tiña fama de milagreira entre a xente que acudía á romaría cada 25 de marzo. A Virxe da Pena de Francia:
Na parroquia do Freixo (As Pontes), fundada no XVII polos Condes de Montenegro, conservaba desta época o pórtico e a espadana. Restaurada a mediados do século pasado está rodeada dunha fermosa carballeira na que se celebra unha romaría en setembro. A Nosa Señora de Merlán:
Tamén na parroquia do Freixo (As Pontes), fundada entre o XVI-XVII, na actualidade está en estado ruinoso e completamente abandonada. Segundo a etnógrafa Ana Durán, a orixe destas lendas pode ser algunha deidade atlántica trifuncional, que co intercambio prehistórico que chegou ás terras altas da Faladoira a través do, actualmente coñecido como, Camiño dos Arrieiros e que por sincretismo derivou en adoración de divinidades romanas e despois cristiáns en forma de tres virxes irmás. Enorme riqueza de patrimonio inmaterial que debemos preservar.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

O mar de Loiba

Praia Pequena de Chanteiro

Praia de Chanteiro

A Campa

Recunchos

Praia do Raso

Pola costa de Ares

Dende o parque do Petelo

Miradoiro de Augas Caídas

A Redes por mar