Santa Olalla de Lubre

Seguindo a ruta do Románico no Golfo Ártabro, achegámonos a unha das xoias do concello de Ares, a igrexa de Sta. Olalla de Lubre, que aínda que conserva moi pouco do templo románico orixinal é un exemplo moi raro da transición do estilo oxival ao renacentista que merece a visita.

  O topónimo Lubre (bosque sagrado onde os druidas celebraban os seus cultos) remítenos á antigüidade prerromana e estando a pouco máis de cen metros do lugar onde se asentaba o castro de Agro do Castro, ese pasado está claro. E sabendo do costume cristián de erixir igrexas ou capelas en lugares sagrados para as relixións precristiáns, resulta lóxico pensar que a igrexa de Sta. Olalla ou Olaia de Lubre, teña unha antigüidade maior que a que indica o cartel colocado á entrada do adro.

Aparece xa no ano 830 na relación de igrexas que o rei Afonso II mandoulle facer ao abade Tructinio e no s.XII cítase na Historia Compostelá. Trátase polo tanto dunha igrexa moi antiga, aínda que o edificio actual parece ser do s. XV, que mestura o románico da súa planta e portada co gótico tardío de transición ao renacimento.

 Foi igrexa refuxo que permitía "acollerse ó sagrado" para librarse de certas accións da xustiza. A casa dos Andrade exercía o seu señorío na bisbarra e percibía a renda de froito chamada " Pan de Chanteiro" que se recollía aquí en Lubre, igrexa matriz da vila de Ares xa que a igrexa da vila non se construiu ata o 1721 e esta seguiu como filial da de Lubre ata 1868.

 O aspecto da igrexa é bastante arcaico e chama a atención o pórtico que cobixa a portada. Consta dunha única e ampla nave e unha ábsida cuadrangular. Estreitas ventás ou saeteiras iluminan debilmente o interior coma nas igrexas románicas. Grosos e escalonados contrafortes contrarrestan o empuxe dos arcos apuntados do interior que saen do chan sobre unhas bases cilíndricas, dividindo a nave en tres partes. A portada principal ten un arco semicircular adornado con delgados toros sin impostas nin capiteis, colocado sobre bases sinxelas. Sobre este pórtico ábrese un óculo con molduras.

Á sinxela torre campanario, de aspecto case defensivo, accédese no interior por unha estreita escaleira.

No interior tamén chama a atención a bóveda estrelada de 5 claves sobre a ábside, cos nervios descansando en colunmas acodilladas e os arcos de directriz apuntada, saíndo do chan sobre unhas bases cilíndricas, que dividen a nave. Tamén no interior, destacar as lápidas sepulcrais con escudos que teñen esculpidas cruces de Calatrava e no púlpito pétreo tamén un escudo. Dende o amplo adro que rodea a igrexa as vistas espectaculares tamén son un reclamo.
As pintadas na portada lémbrannos o importante que é realizar actividades que transmitan o interés , respecto e coidado do patrimonio que nos deixaron os devanceiros e que debemos mimar e conservar.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

O mar de Loiba

Praia Pequena de Chanteiro

Praia de Chanteiro

A Campa

Recunchos

Praia do Raso

Pola costa de Ares

Dende o parque do Petelo

Miradoiro de Augas Caídas

A Redes por mar