Sta. Catarina de Montefaro

Hoxe toca un paseo arredor do Mosteiro de Sta. Catarina de Montefaro, na parroquia de Cervás, do concello de Ares. Según Benito Vicetto, neste lugar houbo un templo romano adicado ao sol (atopouse un disco solar e un muiño romano) sobre o que posteriormente, no s.XII o Conde de Traba construiu un cenobio e máis tarde transfórmase nun albergue templario, servindo de lugar de vixilancia e aviso das invasións por medio de fogueiras, de aí o nome do monte Montefaro. O mosteiro actual, é fundado no 1393 polo conde Fernán Pérez de Andrade, para os monxes da Orde Terceira Regular de S. Francisco, adicado a Sta. Catarina. No testamento do conde, asinado en S. Vicente de Caamouco,no 1397, dona ao mosteiro a ermida de Chanteiro, a vila de Mugardos, os cotos de Miño e Bemantes, o portazgo de Pontedeume e os dereitos do hospital e a capela da ponte sobre o Eume. Durante séculos seguirá aumentando o seu patrimonio con posesións en Chanteiro, Ares, Neda, Pontedeume, Cabanas, Ferrol e A Coruña, que indican a importancia que tivo. Sería unha construción de transición do románico ao gótico, desvirtuada polas reformas posteriores, conservándose da fábrica do 1393 unha magnífica portada ao fondo do segundo claustro: tres vans cubertos por arcada dobre entrecruzada, de arquivoltas apuntadas, que se sustenta en columnas pareadas con capiteis de decoración zoomórfica e pasaxes da vida de S. Francisco. Tamén desta época consérvanse gran cantidade de restos escultóricos e arquitectónicos: capiteis, lápidas sepulcrais, cabezas de estatuas, canzorros, etc. no Centro de Interpretación que hai no propio mosteiro na sala do Cabido, e as pezas máis importantes, no Museo do Castelo de S. Antón en A Coruña.
De finais do XVI atopáronse nun claustro unhas pinturas renacentistas, en moi mal estado. A antiga igrexa debeu ter planta de cruz latina, substituida no XVIII por unha única nave. Barrocos os claustros e a torre- campanario de formas macizas coroada cunha balaustrada e un cimborrio.
Despois de tantas vicisitudes polas que pasou este mosteiro dende a Desamortización, por fin no ano 2000 foi declarado ben BIC. Actualmente o Concello de Ares e a Asociación de Amigos del Monasterio de Sta. Catalina, velan polo coidado e restauración desta xoia do concello de Ares.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

O mar de Loiba

Praia Pequena de Chanteiro

Praia de Chanteiro

A Campa

Recunchos

Praia do Raso

Pola costa de Ares

Miradoiro de Augas Caídas

Dende o parque do Petelo

A Redes por mar