De Seselle a Seselle

Un día buscando fotos na rede da antiga escola de Seselle, atopei esta foto do CIN de Bretoña.
E tirando do fío, descubrín que ademais do noso Seselle de Ares (A Coruña), hai un Seselle en A Pastoriza (Lugo) e outro en Oza-Cesuras (A Coruña). Pensei que había que coñecelos e busquei máis información. Comezamos co Seselle de Lugo. É unha aldea da parroquia de Bretoña (A Pastoriza). O centro desta parroquia, levantado sobre un antigo castro é un centro urbano que mestura o rural e o indiano. No centro da praza principal, chama a atención a estatua do bispo Mailoc. Personaxe ligada á historia dos bretóns chegados ata aquí no s.VII e fundadores da antiga Britonia.
A carón da praza está o interesantísimo Centro de Interpretación de Bretoña, nun fermoso edificio recuperado polo concello.
Nas tres plantas do CIN atopamos ampla información da historia do Bispado Britoniense e de Mailoc, da prehistoria da Pastoriza, da arqueoloxía de Bretoña, fotografías antigas do concelloda Pastoriza,e outras curiosidades. Victoria, a xove e entusiasta historiadora que nos fixo a visita guiada resultou un tesouro. Despois de comer achegámonos ata o castro de Saa na parroquia de Baltar. É un asentamento da época galaico-romana que está en proceso de excavación e do que vimos algúns dos obxectos atopados, no CIN.
A carón do castro pasa a ruta das Augas de Fonmiñá e alá fomos. A Lagoa de Fonmiñá, un fermoso espazo natural ademais da lagoa na que rexorden as augas subterráneas do Miño en varios puntos, aumentando o seu caudal, conta cunha fermosa área recreativa e outro centro de interpretación (pechado por obras).
Despois da Lagoa de Fonmiñá fomos ata o Pedregal de Irimia, na Serra de Meira, a 3Km da vila de Meira.Este pedregal de orixe glaciar é coma un río bastante longo de grandes pedras que baixa pola aba do monte. Baixo estas pedras nace o regato que dá orixe ao Miño. Este regato mana dende unha enorme balsa de auga que está baixo a serra e o val de Meira, e desta balsa afloran mananciais en varios puntos.
Parece un humilde nacemento para semellante río. Paraísos do norte de Galicia!

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Recunchos

Praia de Chanteiro

Praia Pequena de Chanteiro

A Campa

O mar de Loiba

Pola costa de Ares

Sta. Catarina de Montefaro

A Redes por mar

A escola de Seselle