Pola Serra da Faladoira
A Serra da Faladoira pertence á Dorsal Galega. Nace no concello de As Pontes e vai cara ao norte polos concellos de Mañón e Ortigueira para morrer no Cantábrico no cabo de Estaca de Bares. Está formada por lousas negras xunto con gneis ollos de sapo, esquistos cristalinos e areniscas, entre os que sobresaen crestas de granito e cuarcitas.
Aínda conserva carballeiras, soutos e bosques de ribeira, pero a meirande parte está cuberta por monte baixo e plantacións de eucaliptos e piñeiros. O punto máis alto é o monte Caxado con 756m.
Na vertente occidental desta serra está a parroquia de Sta. María das Neves do concello de Ortigueira. Limita ao sur coa do Freixo (As Pontes),con As Grañas do Sor (Mañón) ao leste e ao oeste coas de Insua e o Ermo (Ortigueira). É unha das parroquias máis extensa do concello , pero escasamente poboada (menos dun cento de habitantes repartidos en 23 lugares).
Un pracer desviarse por estradas secundarias e descubrir paraísos de montaña tan preto!
Comentarios
Publicar un comentario