S. Pantaleón- Ourol
S. Pantaleón de Cabanas é unha parroquia do concello lugués de Ourol. No 1392 Fernán Pérez de Andrade obtén licenza do bispo de Mondoñedo para edificar tres igrexas nos montes do Sor: S. Pantaleón de Cabanas, Sta. María de Cabanas e S. Pablo de Riobarba.
S. Pantaleón foi construída entre finais do XIV e principios do XV. Desgraciadamente, desta época queda moi pouco á vista, xa que sufriu modificacións posteriores. Por exemplo a fermosa portada principal quedou oculta no interior por mor da ampliación da súa lonxitude; sobre a porta lateral aprécianse o xabarín e o lebrel, marca dos Andrade. Tamén hai un xabarín cunha cruz no muro de entrada. Esta figura aparece nas tres igrexas, aínda que desprazada na actualidade das súas posicións orixinais.
O campanario é barroco e luce un reloxo de sol.
No fermoso adro que rodea a igrexa chama a atención, pola tosquedade e tamaño, a cruz de pedra.
A arquitectura relixosa atesoura marabillas de todas as épocas e corrientes artísticas e non podemos esquecer estas pequenas igrexas, ermitas, cruceiros, etc. , ás veces de extrema humildade, pero en lugares tan fermosos, sorprendentes ou remotos, que merecen a visita.
Comentarios
Publicar un comentario