As ribeiras da costa de Ares
O concello de Ares é a punta da península de Bezoucos e tamén é o concello con máis costa dos catro que conforman esta península (Cabanas, Fene, Ares e Mugardos).
Nesta costa atopamos areais, praias, calas, cons, puntas, illas, ribeiras,... e unha talasonimia moi rica que temos que preservar.
O Bonete do Cura é unha cala pequerrecha da costa norte de Ares, na entrada da ría de Ferrol, que ten unha baixada case oculta entre a vexetación, e que case semella unha cala dunha illa deserta.
Destas ribeiras contábame a miña avoa que os seus irmáns de mozos collían paxes cheos de marisco nas pozas que deixaba a baixamar; tamén contaba anécdotas de cando viñan o grupo das mariscadoras de Chanteiro ás ameixas do banco marisqueiro preto de castelo de A Palma. Heroínas estas mulleres que se erguían ao mencer, viñan andando dende Chanteiro para pasar a mañá mariscando, vender logo a ameixa e voltar cos cartos no peto, andando outra vez monte arriba, para logo baixar ata Chanteiro.
Moitas ribeiras que descubrir e coñecer!
Comentarios
Publicar un comentario