Publicacións

A Casa do Pazo

Imaxe
O Museo Etnográfico do concello da Capela está formado pola Casa do Pazo, o Parque Etnográfico do río Sesín e a Escola de Guitriz. Os tres están interrelacionados e permiten unha aproximación ao xeito de vida do século pasado e á cultura popular da zona. Na Casa do Pazo recréase a vivenda tradicional da bisbarra, entendida coma unha unidade básica de produción e consumo nunha economía de subsistencia. Un percorrido polas súas dependencias (cociña, sala, cuarto, ...) e as construcións complementarias da casa ( hórreo, alpendres, ...) vannos permitir mergullarnos nun pasado recente e descoñecido para as novas xeracións. Tamén veremos unha pequena mostra dos oficios tradicionais complementarios desta economía doméstica: carpinteiro, carboeiro, xastre, ... Unha visita ben interesante!

Castro de Sta. Mariña

Imaxe
A ruta I, Ares-Castro de Sta. Mariña, lévanos pola costa ata a parroquia de Cervás, onde se atopaba este castro. Situado na beiramar, moi preto da cova dos Mouros, na actualidade so hai restos dunha batería costeira que estivo ubicada no mesmo lugar. Da cova dos Mouros, de difícil acceso, so hai lendas, non hai certezas; e así mesmo tamén hai a lenda da ermida de Sta. Mariña. Según esta, na época da invasión napoleónica, a ermida de Sta Mariña, que había no lugar do castro, derrúbase no momento en que un soldado francés pretende violar a unha rapariga que prometera ao seu mozo, na mesma ermida, morrer antes de ser doutro. Somos un país ben rico en lendas!

Ruta do río Cuberto

Imaxe
Entre as moitas rutas que podemos facer no río Belelle, esta do concello da Capela é unha das máis sinxelas. Na web do concello están moi ben descritas e temos toda a información precisa. Saímos do adro da igrexa barroca de Sta. Mª de Cabalar. Ao longo dos 4km. a ruta discorre a carón do río polo medio dunha fraga que co paso das estacións irá cambiando. Nunha pequena ponte de madeira cruzamos o río e chegamos ao lugar onde este desaparece baixo grandes bloques graníticos, dando lugar ao nome da ruta: río cuberto. Poucos metros máis abaixo volve a aparecer chegando a área recreativa de Formariz. A ruta é circular, pero a nós gústanos voltar polo mesmo camiño. Estupenda ruta para calquera estación do ano.

Arte efímera

Imaxe
En moitas das nosas rutas, ademais da beleza da natureza, descubrimos manifestacions artísticas diversas. Neste caso, na praia de Picón, sorprendeunos esta mostra de arte efímera na area. A beleza abraiante do entorno seguramente serviu de inspiración.

Praia de Ponzos

Imaxe
O golfo Ártabro está cheo de praias marabillosas. Unha delas é esta do concello de Ferrol. Ponzos é unha praia virxe, de area branca e fina, ventosa e de forte oleaxe. Moi visitada por surfistas e amantes da natureza virxe, ten tamén unha zona nudista. Moi preto están as praias de Medote e Sartaña. Ferrolterra está chea de paraísos.

Paseos saudables

Imaxe
Vivir cerca dunha praia é un tesouro. Comezar o día cun paseo pola area vainos aportar beneficios para o sistema cardio-vascular, muscular, nervioso, ... Notaremos como se reducen a ansiedade, o estrés, as tensións musculares, ... Moi recomendable!

Praia de Campelo

Imaxe
Esta praia está situada ao pé do monte Campelo, no concello de Valdoviño, que lle dá nome. Situada baixo un elevado cantil, pola súa situación e orientación é moi propicia para a práctica do surf. Dende aquí parten varias rutas: a ruta do monte Campelo e a ruta do faro e punta Frouxeira.

Figueirido

Imaxe
Facendo a ruta2 do concello de Ares, hai unhas vistas espectaculares da ría e moitos lugares onde facer unha parada para contemplalas. Un deses lugares é a enseada de Figueirido, preto de punta Avarenta, en Chanteiro. No mirador de Caíno, un rudimentario banco indícanos que é o momento de pararse a disfrutar da paisaxe e deixar que tanta fermosura nos abraie. A ría de Ares é espectacular; en calquera recuncho dela atopamos marabillas.

O xabarín de Grañas do Sor

Imaxe
Na estrada As Pontes-Ortigueira, collendo a desviación ás Grañas do Sor, atópase esta escultura feita, co tocón dun piñeiro, polo leñador-artista Florin Sas. A súa pericia coa motoserra é manifesta. Curiosidades que atopas no lugar menos pensado.

Praia de Esteiro- Mañón

Imaxe
Outra das praias que me ten namorada é esta. Situada na desembocadura do río Esteiro entre Loiba (Ortigueira) e Mogor (Mañón). Un areal de fina area, de máis dun km. de lonxitude, mirando ao Atlántico, unha ruta marcada que nos leva ata Loiba, as dunas, o magnífico piñeiral,... moito que disfrutar.

Miradoiro da Bailadora

Imaxe
No punto máis alto do noso concello, Montefaro, está o miradoiro da Bailadora. Facendo unha ruta a pé, en bicicleta ou en coche, calquera momento é bo para achegarnos ata el a contemplar as espectaculares vistas das rías de Ferrol e Ares. Situado a carón dunha das antigas baterías costeiras, tan abundantes en Ares, que formaban parte, xunto cos castelos da Palma, S. Felipe e S. Cristobal, do sistema defensivo de Ferrol.

Fervenza de Torez

Imaxe
No pais dos mil ríos, tamén podemos falar das mil fervenzas. A fervenza de Torez está no concello do Valadouro en Lugo. Hai unha ruta longa dende o lugar de Ferreira do Valadouro ata Santo Tomé de Recaré do Valadouro e dende alí ata a fervenza. Tamén podemos chegar co coche máis preto e facer o tramo final camiñando. A fervenza, duns 20m. de caída, está no rego do Penido Novo e resulta impactante xa que parece que esteamos no medio dunha selva tropical. Totalmente recomendable a visita. Paraísos por descubrir!

Paseíño

Imaxe
A praia de Seselle ten unha lonxitude aproximada de quilómetro e medio e resulta estupenda para correr ou pasear en calquera época do ano. Un simple paseo por ela recargaranos as pilas e serviranos para desconectar.

O Caneiro- As Pontes

Imaxe
Esta área recreativa, a carón do Eume, está situada no concello das Pontes xa limitando con Muras. É bastante grande e ten zona equipada con mesas e barbacoas. Hai varios motivos ornamentais, trasladados doutros lugares do concello, por mor da mina de lignito. Por exemplo, a ponte de Illade do s. XIII. En calquera época do ano, unha visita ao Caneiro merece a pena. No verán a sombra do frondoso bosque de carballos e bidueiros e o frescor do río é un regalo; no outono a extensa alfombra de follas caídas e os cogumelos que asoman polo chan,... Caneiro: Presa pequena que estanca o caudal dun rio, onde se poden colocar redes para pescar.